Un curso que se iniciou en setembro e no que os alumnos recibiron formación, teórica e sobre todo práctica, en 7 materias: Clínica Médica, Clínica Cirúrxica, Clínica Obstétrica e Xinecolóxica, Clínica Pediátrica, Clínica Psiquiátrica, Medicina Familiar e Comunitaria, Urxencias e Servizos Centrais.
Durante este ano académico impartiron docencia no Chuvi 24 profesores asociados e 548 colaboradores docentes. Un número que supón que na EOXI de Vigo haxa seis facultativos por cada alumno ou alumna, o que supón o maior volume de profesorado e colaboradores docentes que hai en Galicia.
O xerente da área sanitaria viguesa, Félix Rubial, que presidiu o acto xunto co doutor Fernández Lorenzo, coordinador de Docencia de Grao, e a directora de Procesos Asistenciais, a doutora Mar Vázquez, destacou que “ a docencia é un elemento esencial e irrenunciable da identidade dun servizo público de saúde, e temos a obriga e responsabilidade de transmitir aos novos profesionais aqueles coñecementos que non se aprenden nos libros, senón a través da práctica e a experiencia; ese é un dos noso mellores legados”. De feito, a actividade docente figura como unha das liñas xerais do Plan Estratéxico da área sanitaria viguesa.
O xerente da área sanitaria de Vigo tivo tamén palabras de agradecemento para o colectivo de colaboradores docentes e de profesores asociados, “polo esforzo e o compromiso coa formación dos futuros médicos”.
Especialidades
Un dos elementos de futuro que se abre agora aos novos graduados é a decisión sobre a especialidade que escollerán, unha vez superado o exame de MIR. Nese sentido Félix Rubial animou aos agora graduados a que escollan os hospitais ou centros de saúde públicos de Vigo para completar a súa formación como especialistas. “Deséxovos que poidades facer aquilo que decidades. Pero en canto ao onde facelo, eu non tería dúbida: poderedes atopar un sitio igual que Vigo pero mellor, ningún”, sinalou.
Nesa mesma liña enmarcouse o relatorio que, durante o acto, levaron a cabo a doutora Cristina Ramos, especialista en Pneumoloxía, e o doutor Alfonso Amado, neuropediatra. “Agora tócache decidir” foi o título, semellante ao do ano pasado, co que ambos os dous profesionais animaron aos recentemente graduados a escoller, e a facelo ben, o seu futuro profesional como especialistas.
No transcurso do acto proxectouse un vídeo realizado polos estudantes que conclúen a súa formación.