O representante do Sergas na área sanitaria viguesa apuntou igualmente que se vai incrementar a dotación de alta tecnoloxía, cun TAC intraoperatorio, o primeiro de Galicia, e que funcionarán a pleno rendemento o laboratorio central do Meixoeiro e o novo acelerador liñal de Oncoloxía Radioterápica, recentemente incorporado e donado pola Fundación Amancio Ortega.
Ademais, entre os obxectivos atópanse a posta en funcionamento dos novos centros de saúde de Gondomar e Salceda de Caselas; así como a redacción do Plan Funcional de Bouzas.
No ámbito da Investigación, a meta principal será acadar a acreditación do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur como centro investigador sanitario polo Carlos III, mentres que no ámbito Docente o novo desafío será a formación práctica dos alumnos de Enxeñería Biomédica da Universidade de Vigo.
O xerente engadiu que vaise continuar desenvolvendo novas medidas de humanización, que este ano irán orientadas á oito áreas: Parto e primeiras etapas da Vida; Atención Pediátrica; Atención Urxente; Saúde Mental; Coidados ao final da Vida; Coidados Intensivos; Atención ás Persoas Maiores e Atención Oncolóxica. Neste ámbito pode incluírse a instalación dun cine para os nenos ingresados con cáncer.
“En definitiva, o pasado ano completouse o mapa sanitario da área de Vigo encaixando as últimas pezas deste gran puzzle, e consolidouse o modelo de especialización dos edificios do Chuvi, o que nos sitúa nun novo escenario máis ordenado, mellor dotado, dimensionado e solvente para afrontar con garantías os novos retos sanitarios. Sen dubida, isto foi posible grazas ao compromiso dos profesionais e a colaboración da cidadanía, aos que queiro agradecer a súa comprensión e paciencia por algunha incidencia que puidera acontecer no transcurso deste gran proceso de reordenación sanitaria”, declarou Rubial.
Balance
O xerente resumiu o acontecido no ano 2017, repasando os datos ofrecidos recentemente polo Sergas no relativo ás listaxes de espera. Ademais, tras dous anos de anos de cambios estruturais, organizativos e asistenciais, deu por concluído o proceso de reordenación sanitaria posto en marcha trala apertura do Álvaro Cunqueiro.
Rubial salientou que o orzamento sanitario para a área viguesa superou por primeira vez os 700 millóns de euros, representando do 8% do total do orzamentos da Xunta de Galicia.
No referido á Atención Primaria, o persoal sanitario dos centros de saúde da área de Vigo -Medicina de familia, Pediatría, Enfermaría, Farmacia, Matronas, Saúde Bucodental e Traballo Social- realizou 5.658.313 consultas, 47.447 máis que hai un ano. Do total das consultas médicas realizadas, o 15% por cento foron telefónicas.
Repuntan as urxencias e aumentan as hospitalizacións
No referido ás urxencias, tanto as do hospital como as dos PACs, teñen experimentado un incremento de actividade. Durante o 2017 contabilizáronse 269.335 atencións nos PACs da área, un 1.79% máis que no exercicio anterior. En concreto, o PAC de Vigo realizou un 4% máis de atencións urxentes, acadando as 62.217.
Este incremento coincide paralelamente co aumento das urxencias hospitalarias, que tras experimentar un descenso continuado nos últimos cinco anos, no 2017 volveu a repuntar e atendéronse 6594 pacientes máis, un 3.7%. En total, 180.826 pacientes recibiron atención urxente no Álvaro Cunqueiro, dos que o 15,18 % requiriron ingreso hospitalario.
O Sergas indica tamén que preto dun 50% dos pacientes que acoden ás urxencias do Álvaro Cunqueiro, onde son atendidos por prioridade clínica e non por orde de chegada, presentan patoloxías que estarían en disposición de ser resoltas nos PACS, con menor espera e idéntica resolución.
En canto a hospitalización, o pasado ano contabilizáronse un total de 42.673 ingresos, a cifra máis alta rexistrada no Chuvi. A estadía media é de 7,53 días, experimentando un notable descenso tras un período de estabilización. Ademais, naceron 3.928 nenos e nenas.
Máximo histórico de actividade cirúrxica e probas diagnósticas
No referido a actividade cirúrxica, os profesionais do CHUVI realizaron 36.430 intervencións cirúrxicas totais, 1.249 máis que o ano anterior (un 3,55%). Destas, 29.278 foron programadas e 7.152 urxentes.
Neste incremento da actividade cirúrxica cabe subliñar tamén o crecemento constante da cirurxía ambulatoria, contabilizándose 18.235 procedementos desta modalidade, o 56,7% do total. Estes datos converten ao Meixoeiro no maior centro de cirurxía ambulatoria de Galicia. A porcentaxe de operacións suspendidas foi de 1.85%, o máis baixo dos últimos anos.
En canto ás probas diagnósticas, os resultados amosan que tamén realizouse a maior actividade dos últimos anos: máis de 277.000 estudos de Radioloxía convencional, 9700 mamografías; 53.200 ecografías e 8.700 endoscopias dixestivas. En alta tecnoloxía efectuáronse 47.700 TACs e 24.700 Resonancias Magnéticas.