O aumento global foi de 40.266 consultas médicas nos centros de saúde con respecto a 2017 e o incremento de citas por teléfono acadou as 33.606. Comparando estes datos dedúcese que o 83,5% dese crecemento de actividade correspondeu á vía telefónica.
En total, nos centros de Atención Primaria da área sanitaria de Vigo rexistráronse o pasado ano 605.551 actos por vía telefónica de todas as categorías profesionais (pediatría, enfermaría, matronas, farmacia, odontoloxía, hixienistas e traballo social), o que representa o 10,61% do total; é dicir, unha de cada 10 atencións fixéronse xa por teléfono. Tal e como se dixo con anterioridade, esta porcentaxe é moito máis elevada nos médicos de familia, acadando o 16,20% do total.
En canto a porcentaxe de citas telefónicas atendidas polos pediatras, situouse nun 9,83% (43.451) das 441.913 consultas. A enfermaría realizou 70.203, un 3,62% do total de atencións (1.939.334).
A estes datos hai que engadirlles as case 10.000 atencións telefónicas dos profesionais de farmacia, matronas, odontólogos, hixienistas bucodentais e traballadores sociais.
Boas expectativas
As expectativas do Sergas con este servizo son “moi boas”, sobre todo “pola comodidade que ten o enfermo crónico de non verse obrigado a acudir en persoa ao centro de saúde para consultar cos seus profesionais”.
Esta modalidade iniciouse en 2013 en toda Galicia, pero dende o principio foi Vigo a área que liderou o seu crecemento. Tense mostrado como unha ferramenta moi eficaz e beneficiosa para os usuarios; de feito, o Ministerio de Sanidad propón agora a inclusión da mesma, a medio prazo, na súa estratexia para reformular a atención primaria nacional.