Os bebés -que pesaron respectivamente 1.700, 2.080 e 2.300 gramos- atópanse en bo estado, aínda que pasarán un tempo nas incubadoras da Unidade de Neonatoloxia do Cunqueiro. Os seus pais, Izaira Vicente e Noel Gómez, residen en Tomiño e xa teñen outra nena de tres anos.
Tratouse dun embarazo espontáneo, algo «moi excepcional» cunha incidencia de 1 entre 10.000 embarazos. Os últimos trillizos que naceron no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) datan do ano 2015, no antigo hospital Xeral.
Neste caso os bebés viñeron cun pan baixo o brazo, xa que El Corte Inglés quixo colaborar coa familia na súa crianza nesta etapa. O director de Comunicación e Relacións Institucionais desta entidade, Pati Blanco, fíxolles entrega este mércores aos pais dunha doazón de cueiros e leite para os seus seis primeiros meses de vida.