Na presente edición do curso -é xa o sexto destas características que se realiza- participaron 32 pacientes e catro profesionais sanitarios. As xornadas están dirixidas a diagnosticados de diabetes polos seus respectivos facultativos.
Os diabéticos que realizan o curso conclúeno coa acreditación de “pacientes competentes”, unha vez que asistiron ás sesións teóricas e prácticas.
A enfermeira Vicky Hierro, coordinadora dos cursos, asegura que “a recepción por parte dos diabéticos das pautas que lles ensinamos é moi boa; achegámoslles bibliografía, fixamos metas a cumprir de forma periódica; facémoslles chegar información sinxela sobre a enfermidade e as súas consecuencias; pero, sobre todo, concienciámoslles que poden levar unha vida plena a pouco que identifiquen determinados factores e cóidense”.
Seguimento e control
As pautas serven para controlar os niveis de azucre que teñen en sangue e evitar, na medida do posible, que a enfermidade chegue a cotas máis avanzadas.
Algúns dos asistentes ao curso recibiron, de forma gratuíta, un dispositivo portátil para controlar os seus niveis. O aparello, ademais, almacena as medicións de cada un dos usuarios, coas medidas, a data e a hora en que se produciu o control, para que os seus facultativos ou o persoal de enfermaría teñan máis datos no momento de facer o seguimento de cada paciente.
A novidade do curso que vén de rematar é o compromiso adquirido, tanto polos asistentes como polos profesionais sanitarios que participaron, para manter unha reunión de avaliación da evolución dos resultados, nun prazo de 6 meses.