Por segundo ano consecutivo, o comité de seguimento da campaña de vacinación antigripal da EOXI de Vigo levou a cabo unha serie de medidas co obxecto de promocionar a campaña entre a poboación diana e o persoal sanitario. Cabe subliñar a convocatoria da segunda edición do Concurso de Carteis e Lemas entre os traballadores dos centros sanitarios da área viguesa. O cartel gañador resultou o realizado polo pediatra Rosalía Piñeiro, do centro de sáude de Teis, que foi presentado este luns. Este cartel, que leva por lema “Dalle as costas á gripe, vacínate” será a imaxe promocional en Vigo durante e todo o tempo da campaña.
Segundo explicou a directora de procesos sen Ingresos e Urxencias da EOXI de Vigo, Elena Lorenzo, “temos que seguir desenvolvendo medidas proactivas e de reforzo, co obxecto de incrementar os índices de participación na campaña, xa que aínda que os datos de cobertura reflicten un incremento paulatino de cobertura, pasando do 50% hai tres anos ao 54% acadado na última campaña, segue sendo unha porcentaxe baixa. Hai que lembrar que o pasado ano na área viguesa rexistráronse 800 ingresos hospitalarios como consecuencia dun proceso gripal; un 6,1% deses casos debeu ingresar na UCI, e en 50 deles o desenlace foi fatal. Nunha maioría significativa de casos o elemento común era a ausencia de vacinación”.
A directora da EOXI de Vigo reiterou que a vacina antigripal non so evita casos senón que diminúe a frecuencia de complicacións derivadas desta enfermidade e, tamén, o risco de hospitalización e morte relacionada coa gripe.
“Tamén este ano ofreceremos facilidades como o establecemento das axendas de citación especial para a vacinación, ou o achegamento do persoal sanitario aos centros de día para propoñer as vacinas aos maiores “in situ” e evitarlles os desprazamentos aos centros de saúde. Na anterior campaña, os profesionais achegáronse a 46 centos da terceira idade.
Outras das medidas xerais que se volverán a levar a cabo será o reforzamento na área de Vigo das chamadas telefónicas ao grupo de risco conformado polos maiores de 65 anos. Así, os profesionais de Enfermería de Atención Primaria promocionarán a vacinación entre a terceira e carta semana da campaña, a todos aqueles pacientes entre 65 e 74 anos dos seus respectivos cupos que aínda non teñan recibido a súa dose, mediante un consello telefónico para explicarlles as necesidades e as vantaxes da vacina.
“O pasado ano, na área viguesa realizáronse10.000 chamadas e grazas a ese esforzo conseguiuse que un 13,60% por cento máis da poboación de risco tivese recibido a dose da vacina”, afirmou Elena Lorenzo.
54% de cobertura na poboación diana da área viguesa
Na EOXI de Vigo administráronse na pasada campaña un total de 95.221 doses antigripais. Desa cifra, 64.477 correspondéronse a maiores de 65 anos, nos que se acadou unha cobertura do 54%, dous puntos con respecto aos datos de 2016 . Así mesmo, a porcentaxe de profesionais sanitarios -persoal médico e persoal de Enfermería- vacinados foi do 36%, mentres que na campaña do 2016 fóra dun 28%. Concretamente, nos centros de Atención Primaria a cobertura acadada polos profesionais da área sanitaria viguesa foi dun 46%, mentres que na campaña de 2016 fóra dun 40%. No que atinxe á Atención Hospitalaria, a cobertura vacinal foi dun 31%, o que supón un incremento de 9 puntos porcentuais con respecto ao dato de 2016, que foi entón dun 22%. Ademais, na pasada campaña vacináronse 891 mulleres xestantes.
Poboación diana e obxectivos específicos
A vacinación ofértase gratuitamente para as persoas de 60 ou máis anos, residentes en institucións pechadas de calquera idade, mulleres embarazadas e tamén para aquelas persoas entre 6 meses e 59 anos con factores de risco que os predispoñen a padecer complicacións derivadas da gripe. Ademais, ofértase a persoas que lle poden transmitir a gripe a outras con alto risco de complicacións (entre os que se atopan os traballadores sanitarios) e tamén para persoas que desenvolven servizos esenciais para a comunidade.
Os obxectivos específicos son acadar unha cobertura na poboación de 60 a 64 anos igual ou superior ao 35%, conseguir unha cobertura na poboación de 65 ou máis anos igual ou superior ao 65%, e acadar unha cobertura superior ao 40% nos traballadores sanitarios do Servizo Galego de Saúde e nas mulleres embarazadas.