O día 19 conmemórase o Día Internacional da Doazón de leite Materno, e con este motivo a a EOXI de Vigo celebrou un acto institucional de agradecemento a estas nais que de xeito altruísta e desinteresado realizan este tipo de doazón. “Faltan palabras para expresar toda a nosa gratitude e recoñecemento a estas mulleres que regalan o seu tempo para axudar aos demais, e contribúen así a mellorar a calidade de vida dos nosos bebés” -dixo o xerente, Félix Rubial.
Esta homenaxe, organizada polo equipo do Banco de Leite, contou tamén coa participación do xefe de servizo de pediatría, José R. Fernández Lorenzo, e das doadoras e receptoras de leite materno do Banco.
No transcurso do evento, a xefa de sección de Neonatoloxía e coordinadora do Banco, Ana Concheiro, presentou os datos de actividade do Banco desde a súa posta en marcha en xullo do 2016 e dixo que -“estamos moi satisfeitos coa acollida e a resposta da cidadanía, que ten superado todas as nosas expectativas. Os resultados falan por se solos, e para nós é un orgullo compartir o dato máis significativo: conseguimos alimentar con leite humano a un total de 178 bébes, que puideron recibilo grazas ao compromiso e a xenerosidade das nosas doadoras.”-.
O Banco de Leite Materno do Chuvi conta con 110 doadoras seleccionadas. É referencia para as provincias de Ourense e Pontevedra. Así, dos 150 bebés receptores nos anos 2016 e 2017, 114 foron de Vigo, 24 de Pontevedra e 12 de Ourense. “Deste xeito -engade a doutora Concheiro- ningún neno nado con menos de 1.500 gramos de peso no Sur de Galicia deixou de recibir alimentación exclusiva con leite materno no seu primeiro mes de vida”-.
Vantaxes do leite materno
O Banco foi creado co fin de proporcionar esta alimentación a bebés hospitalizados que, de forma transitoria ou permanente, non poden recibir o leite da súa nai.
Este centro especializado é responsables da promoción e apoio á lactación materna e da recolección, procesamento, control de calidade e dispensa do leite. Tanto a doazón como a dispensa son gratuítas e fanse baixo estritos criterios médicos.
En total, os profesionais recolleron 600 litros de leite, dos que xa se dispensaron 416. O leite materno é o alimento máis axeitado para os lactantes. Comparado coa fórmula artificial, posúe importantes vantaxes para os neonatos prematuros ou de moi baixo peso ao nacer. Así, a transmisión de factores inmunoprotectores, antiinflamatorios e de crecemento pode previr complicacións como a enterocolite necrosante e a infección invasiva; ademais, mostrouse un mellor cociente de desenvolvemento nos nenos moi prematuros alimentados con leite materno.
Polo tanto, coa administración de leite materno doado aos neonatos hospitalizados, especialmente vulnerables a infeccións neonatais, lógrase mellorar a súa saúde, especialmente no caso de prematuros -menos de 32 semanas de xestación- ou de menos de 1.500 gramos ao nacer, con síndrome de malabsorción, cardiopatías, erros metabólicos, nutrición poscirúrxica, enfermidades infecciosas, inmunodeficiencias, transplante de órganos, enfermidades crónicas, enterocolite crónica necrosante, alerxia ás proteínas de leite de vaca ou terapia inmunosupresora, entre outros. A longo prazo, mellora o desenvolvemento psicomotor e diminuír os factores de risco cardiovascular.
Funcionamento do Banco
As nais que desexan doar leite materno, unha vez verificados os criterios necesarios establecidos polo banco, son instruídas para realizar a extracción na súa casa e conservalo de forma segura e adecuada. Sen romper a cadea de frío, transportan o leite conxelado en neveiras portátiles ao banco, onde se comproba que está en condicións de ser procesado e almacenado para a súa distribución aos centros receptores. O tempo máximo de almacenamento unha vez pasteurizado é de tres meses; antes da pasteurización, o leite conxelado solo aguanta 6 semanas.
Lévase a cabo un rexistro informático que permite manter a trazabilidade de todo o proceso e garántese a confidencialidade de datos. Tanto as doadoras como os proxenitores receptores asinan consentimentos informados tras ser informados polo persoal sanitario.
Calquera muller que estea a aleitar ao seu fillo satisfactoriamente, que estea sa, leve un estilo de vida saudable e queira doar de forma voluntaria e altruísta pode ser doadora do Banco de Leite. O aconsellable é que a doazón se faga unha vez que a lactación do fillo da posible doadora estea ben establecida, en xeral pasadas entre tres e catro semanas despois do parto.
Seguindo as indicacións dos organismos internacionais as posibles doadoras son seleccionadas despois dunha pequena entrevista. O leite doado pasteurizase e analízase para garantir a súa calidade. O Banco de Leite encárgase, posteriormente, da distribución do leite aos centros sanitarios que o precisan, de forma gratuíta.
Para que unha muller poida doar abonda con que acuda ao Banco de Leite Humán, situado no Bloque Técnico do Hospital Álvaro Cunqueiro, na segunda planta, nas dependencias da Biberonería. Recoméndase contactar previamente por correo electrónico ou teléfono 986-825655. Alí, unha vez superadas as probas e a enquisa, facilítanselle os materiais necesarios para a extracción e envasado do leite. Pódese contactar co banco para mais información e solicitar un encontro a través do enderezo bancoleitevigo@sergas.es.
A doadora conserva os envases no conxelador do frigorífico do seu domicilio e os entrega, ben ela ou ben unha persoa da súa confianza, no Banco de Leite nun prazo non superior a quince días. “O prazo de quince días é para facilitar o proceso de doazón ás mulleres, o tempo de garantir as propiedades nutritivas do leite” explica a doutora Ana Concheiro.
O Banco de Leite Materno do Hospital Álvaro Cunqueiro conta inicialmente con tres facultativos especialistas en Neonatoloxía, unha enfermeira de Nutrición e un técnico de Laboratorio a dedicación completa.
Só dez comunidades autónomas dispoñen en España deste tipo de bancos, e Galicia e Andalucía son as únicas que contan con máis dun.