19102019Sáb
Última edición: Sáb, 19 Oct 2019 5pm

servizo social

A teleasistencia atendeu en 2015 máis de 4.300 alarmas

O servizo, que vén de facer balance da actividade do pasado ano, atendeu as necesidades de máis de 400 usuarios de pequenos concellos

24 Enero 2016 por
Valora este artículo
(0 votos)
A teleasistencia prestou servizo durante o ano pasado a 402 persoas. A teleasistencia prestou servizo durante o ano pasado a 402 persoas.

O servizo de Teleasistencia Domiciliaria da Deputación de Pontevedra atendeu durante o ano 2015 máis de 400 persoas, que xeraron un total de 4.300 chamadas de alarma. O servizo, cofinanciado pola institución provincial xunto cos pequenos concellos, proporciona resposta inmediata aos usuarios durante as 24 horas do día, mediante un sistema de mans libres.

O servizo de Teleasistencia da Deputación de Pontevedra, un programa cofinanciado pola institución provincial en colaboración cos 47 concellos de menos de 20.000 habitantes adheridos, prestou servizo durante o ano pasado a 402 persoas maiores ou con algún grao de discapacidade, que viven soas pero gozan da suficiente autonomía para permanecer nos seus fogares.

O servizo de teleasistencia garante unha atención efectiva durante todos os días do ano e a calquera hora do día. No momento que o usuario o desexe ou precise pode establecer comunicación cun teleoperador, a través dun pulsador colgante que levan incorporado. Así, durante o 2015 atendéronse un total de 4.391 alarmas, das cales 225 foron debidas a emerxencias sanitarias ou sociais.

Ademais, para paliar os sentimentos de soidade e illamento das persoas, o servizo efectuou no mesmo período 276 visitas de seguimento, que se sumaron ás visitas que se realizan habitualmente para a resolución de diversas incidencias. Asemade, organizáronse 7 xornadas de convivencia, co obxecto de proporcionarlles aos usuarios un tempo de lecer e un espazo de intercambio de experiencias e inquedanzas.

A teleasistencia é prestada por un teleoperador especificamente preparado para atender as necesidades dos usuarios e usuarias dunha forma cálida e humana, ao mesmo tempo que rápida e profesional. O servizo inclúe apoio inmediato a demandas de angustia, soidade, e accidentes domésticos; mobilización de recursos ante situacións de emerxencia sanitaria, persoal ou social; xestión de axendas para lembrar datos importantes sobre a toma de medicación e a realización de xestións; e seguimentos permanentes dende o Centro de Atención, mediante chamadas telefónicas periódicas. Ademais, tamén se efectúan chamadas de felicitación por aniversarios, santos e outras datas sinaladas.

O servizo de teleasistencia permite a permanencia dos usuarios no seu medio habitual e o contacto permanente co seu entorno socio familiar, evitando o illamento social e a soidade. Deste xeito, evítanse institucionalizacións innecesarias ao tempo que se asegura unha intervención inmediata ante posibles situacións de crise persoais, sociais ou médicas.

Inicia sesión para enviar comentarios

sucesos

economía

economía

  • Últimas noticias

  • Más leído