08122019Dom
Última edición: Sáb, 07 Dic 2019 7pm

O Álvaro Cunqueiro vístese de gala co gallo do Día Mundial do Prematuro

O hospital acollerá este domingo a celebración con actos aos que están convidados especialmente os menores que pasaron no seu día pola Unidade de Neonatoloxía

15 Noviembre 2019 por
Valora este artículo
(1 Voto)
Parte do equipo dos profesionais da Sección de Neonatoloxía. / Foto: Chuvi Parte do equipo dos profesionais da Sección de Neonatoloxía. / Foto: Chuvi

A Unidade de Neonatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) engalánase este domingo, día 17 de novembro, para celebrar o Día Mundial do Prematuro. O hospital Álvaro Cunqueiro, onde está o servizo, acollerá unha serie de actos durante toda a mañá, na que no faltarán momentos lúdicos para o persoal que alí traballa e para as familias dos bebés.

“Este ano queremos enviar unha invitación especial aos nenos e nenas que pasaron no seu día por esta Unidade, para ensinarlles onde estiveron ao nacer”, explica a xefa de sección de Neonatoloxía do Chuvi, Ana Concheiro.

Se o protagonismo será para as familias e os seus nenos e nenas, non o será menos a defensa que se fará, aproveitando a celebración, da idoneidade da alimentación con leite materno para os bebés e especialmente para os prematuros.

De feito, o evento comezará ás 10.30 horas deste domingo, no salón de actos do hospital, cunha intervención de Beatriz Magán, enfermeira da Unidade, que falará sobre “Leite materno: o mellor aliado do prematuro”. Seguiralle a doutora Concheiro cunha breve disertación sobre “O Banco de Leite do Álvaro Cunqueiro: un exemplo de solidariedade”.

Pola súa banda os representantes da asociación de nais e pais de prematuros AGAPREM, que colabora activamente nas actividades do día, fará un balance da súa xestión durante o último ano e entregará o ‘Patuco de Honra’, unha distinción que xa é tradicional nos actos que se fan en Vigo con motivo do Día Mundial.

Máis tarde, no hall principal do hospital, o actor e monologuista Cándido Pazó, protagonizará unha actuación para os asistentes, antes de que o evento continúe na planta da Unidade de Neonatoloxía, cuxos corredores estarán decorados para a ocasión, onde se entregarán unha serie de agasallos aos menores asistentes.

250 prematuros ao ano
Cada ano nacen na área sanitaria de Vigo ao redor de 250 bebés prematuros, o que representa un 7% do total de nacementos. Unha porcentaxe que se mantén case constante no últimos tres anos. A maioría deles, ao redor de 190, nacen entre as semanas 32 e 36 de xestación das súas nais. Estes bebés pesan menos de 1,5 quilogramos.

Os 40 restantes son os denominados ‘grandes prematuros’ que pesan menos de 1 quilogramo. Divídense en dúas categorías por período de xestación. Os máis ‘cativos’ son os que nacen entre as semanas 24 e 28, aproximadamente 10 ao longo do ano. Os 30 restantes fano entre as 32 e 36 semanas de embarazo das súas nais.

O bebé máis pequeno que atendeu Neonatoloxía no último ano pesou medio quilogramo no momento de nacer.

Inicia sesión para enviar comentarios

medio ambiente

navidad

  • Últimas noticias

  • Más leído