14112019Jue
Última edición: Mié, 13 Nov 2019 8pm

Rubial deixa a xerencia da área sanitaria de Vigo en favor de García Comesaña

O Sergas intercambia os postos de responsabilidade á fronte das EOXI de Vigo e Ourense na procura da “integración plena dos diferentes niveis asistenciais e acometer novos retos”

05 Julio 2019 por
Valora este artículo
(0 votos)
Rubial (c.), junto al conselleiro de Sanidade. Rubial (c.), junto al conselleiro de Sanidade.

O Servizo Galego de Sáude vén de nomear a Félix Rubial Bernárdez e a Julio García Comesaña como novos responsables das xerencias das EOXI de Ourense e Vigo, respectivamente. Con estes nomeamentos, o Sergas aposta por adaptar a dirección das dúas EOXI aos obxectivos de completar a integración da Atención Primaria e a Atención Hospitalaria e a implantación efectiva do Plan galego de atención primaria.

García Comesaña, que viña desempeñando desde marzo de 2018 a súa responsabilidade como xerente na Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, releva a Félix Rubial Bernárdez, que culmina así unha etapa de catro anos durante a que pilotou na área de Vigo un complexo proceso de reordenación asistencial, motivado pola apertura do Álvaro Cunqueiro.

Durante este tempo, ademais, foi obxecto de moitas críticas pola posta en marcha do novo hospital, viviu varias folgas e manifestacións en defensa da sanidade pública e foi vetado como interlocutor por diferentes seccións sindicais.

Julio García Comesaña conta cunha ampla traxectoria profesional na que ten participado en distintos proxectos de innovación xa implantados no Sergas e, antes de ocupar a xerencia da EOXI de Ourense, participou desde a dirección do Complexo Hospitalario de Vigo na reordenación desta área sanitaria. O Sergas salienta que como xerente en Ourense “reforzou a aposta por un dos principais polos de referencia para a investigación e innovación sanitaria no desenvolvemento de proxectos de I+D+i”.

A partir de agora, acomete unha nova etapa na que se desenvolverán os obxectivos da Estratexia XXI para a área de Vigo, completarase a reforma integral do hospital Meixoeiro, seguirase desenvolvendo o proxecto de humanización da área sanitaria e priorizarase o remate dos novos centros de saúde proxectados.

García Comesaña é licenciado en Ciencias Físicas pola Universidade de Santiago de Compostela e licenciado sanitario especialista en Radiofísica Hospitalaria. Máster en Administración sanitaria, ten desempeñado distintos cargos de responsabilidade no Sergas desde os que participou en distintos proxectos asistenciais de marcado carácter tecnolóxico e innovador dentro dos programas Innovasaude e Hospital 2050.

Inicia sesión para enviar comentarios

transporte

sucesos

virales

  • Últimas noticias

  • Más leído