16122018Dom
Última edición: Dom, 16 Dic 2018 9pm

O TC intraoperatorio máis avanzado de España xa está no Álvaro Cunqueiro

Foi necesario despregar un complexo dispositivo loxístico para trasladalo ata o seu emprazamento, que se realizou a través dunha grúa de gran tamaño

23 Noviembre 2018 por
Labores de instalación do equipo no hospital. / Foto: Chuvi Labores de instalación do equipo no hospital. / Foto: Chuvi

O equipo de tomografía computerizada (TC) intraoperatoria que agardaba o Álvaro Cunqueiro acaba de chegar ao hospital, onde xa está emprazado no quirófano correspondente. Para a descarga e traslado ao emprazamento definitivo deste equipamento –con 2.100 quilos de peso- foi necesario despregar un complexo dispositivo loxístico, que realizouse a través dunha grúa de 350 toneladas.

A previsión é que inicie a súa actividade antes de finalizar o ano, unha vez instalado e realizadas todas as probas técnicas e de seguridade requiridas para o seu funcionamento.

Trátase do TC intraoperatorio máis avanzado de España, no que se realizou un investimento de case 700.00 euros, financiado nun 80% por fondos do programa Feder Galicia da Unión Europea.

O sistema permite realizar un TC no mesmo momento en que se está efectuando a operación cirúrxica, o que supón unha maior seguridade para o paciente e unha intervención menos invasiva e moito máis precisa.

Unha gran transformación
O novo equipo supón unha gran transformación e un importante avance nos sistemas de imaxe intraoperatorios. A súa tecnoloxía, coas máis altas prestacións, permite estudar un órgano en seccións e diferenciar tecidos, o que implica unha gran vantaxe fronte ao sistema convencional.

“A introdución deste equipamento en quirófano asociada ás técnicas de neuronavegación é un avance importante na cirurxía, xa que permite unha localización en 3D precisa do procedemento cirúrxico que se está a desenvolver”, explica o xefe do Servizo de Neurocirurxía do Chuvi, o doutor Cesáreo Conde.

As técnicas de cirurxía guiada pola imaxe posibilitan a realización de intervencións menos invasivas, con menor dano aos tecidos, de forma máis segura e precisa, ao tempo que reduce os períodos de recuperación postoperatoria do paciente.

O equipo de imaxe de TC intraoperatorio aplicarase para cirurxía cerebral, espiñal e neurovascular. É dicir, poderá utilizarse en cirurxías craniais e de columna vertebral, tanto vasculares como tumorais.

Un millar de intervencións anuais
Calculase que, aproximadamente, do millar de intervencións anuais que realiza o servizo de Neurocirurxía, un 20 % delas efectuaranse a través deste sistema; aínda que tamén poderá ser utilizado por outros servizos, cando sexa necesario guiar a cirurxía, como por exemplo en Traumatoloxía para cirurxía de columna ou pelve.

O doutor Conde subliña que “suporá unha gran vantaxe á hora de poder coñecer e monitorizar antes, durante e despois da cirurxía a situación real do paciente”. 

O TC intraoperatorio permite planificar ‘in situ’ a cirurxía e comprobar o resultado conseguido, ademais implica un aforro de estudos de planificación previos e de comprobación posteriores á intervención.

Deja un comentario

Asegúrate de llenar la información requerida marcada con (*). No está permitido el código HTML. Tu dirección de correo NO será publicada.

tráfico

sucesos

tecnología

movilidad

sanidad

  • Últimas noticias

  • Más leído