16112018Vie
Última edición: Vie, 16 Nov 2018 2pm

Unha tese viguesa alerta sobre a taxa de infección por VPH nos homes

O traballo conclúe que o índice do virus de papiloma humano tamén é elevado nos varóns

05 Noviembre 2018 por
Valora este artículo
(0 votos)
A doutora Elena López-Díez. / Foto: Chuvi A doutora Elena López-Díez. / Foto: Chuvi

‘Infección polo virus do papiloma humano no home, parella sexual de muller con lesión cervical de alto grao’. Este é o título da tese defendida pola uróloga do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi), a doutora Elena López-Díez, que se leu no Álvaro Cunqueiro, e que obtivo a cualificación de sobresaliente por parte dos membros do tribunal. A conclusión é que a taxa de infección no grupo de poboación estudada é elevada, maior que na poboación xeral.

A tese avala outros estudos realizados nos últimos cinco anos sobre a posibilidade de infección por virus de papiloma humano (VPH) en homes e mulleres nos que participa un grupo multidisciplinar do Chuvi, o grupo Gecao.

“O obxectivo desta tese non é alarmar, senón concienciar da necesidade de coñecer os riscos que pode haber na poboación masculina, e atallalos”, comenta a autora da tese.

Respecto diso, a concienciación do home heterosexual debe realizarse desde tres prismas: como pai, mediante a vacinación; como persoa, mediante o coñecemento de se está ou non entre os grupos de risco; e como membro da parella, mediante o coñecemento do que supón esta enfermidade.

“Nestes momentos, non existe un cribado de poboación masculina sobre este tipo de infeccións, polo que coñecer e previr son as dúas pautas esenciais a seguir”, aclara a doutora López-Díez.

O grupo do virus do papiloma humano (VPH) contén máis de 150 tipos diferentes, dos que máis de 40 transmítense sexualmente e poden infectar a área anoxenital e orofarinxea de homes e mulleres, e algúns son de alto risco e potencialmente oncolóxicos.

A infección polo VPH constitúe a enfermidade de transmisión sexual máis frecuente na poboación sexualmente activa e a prevaleza da infección está asociada á idade, o inicio precoz das relacións sexuais, o tabaco e o número de relacións sexuais ao longo da vida. Como é unha infección que se contaxia por vía sexual, o uso axeitado do preservativo é un dos mellores aliados para evitala.

Aval internacional
Os traballos previos sobre esta materia iniciáronse como estudos epidemiolóxicos para coñecer as características das infeccións na poboación de Vigo. Os resultados obtidos nos cinco estudos xa feitos publicáronse en revistas científicas de alcance internacional. A finalidade destas publicacións era que revisores expertos opinasen sobre esas conclusións.

Os traballos comezaron no ano 2009. Desde entón e ata o ano 2013 estudáronse 400 casos de mulleres con lesións cervicais de alto grao, causadas pola infección. E entre 2014 e 2016, analizáronse 175 casos de homes parellas de este grupo de mulleres con infección.

“Cos datos obtidos viuse que os homes con parella muller que ten este tipo de lesións presentaban un alto grao de infección polo VPH de alto risco oncoxénico”, resalta a uróloga do CHUVI.

Equipo multidisciplinar
As investigacións que se plasman na tese forman parte dun longo proceso investigador no que participa un grupo multidisciplinar, no que se atopan urólogos, xinecólogos, especialistas en VIH e Medicina Interna, cirurxiáns, anatomopatólogos, microbiólogos e otorrinolaringólogos, ademais do persoal de enfermaría, auxiliares e técnicos de todos estes servizos.

Están integrados nun grupo denominado Gecao que se dedica ao estudo e investigación da infección por virus do papiloma humano. Nestes momentos hai en España poucos grupos multidisciplinares como este, “pero nós tivémolo claro desde o principio e agora coas posibilidades que ofrece o Álvaro Cunqueiro pódese chegar máis lonxe”, afirma Elena López-Díez.

O grupo conta co apoio do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, e todos os seus traballos dispoñen da aprobación do Comité Autonómico de Ética de la Investigación de Galicia.

“Tentamos seguir crecendo. Aínda hai un sexto estudo que non se publicou e seguiremos na investigación, porque canto máis se coñeza é mellor”, salienta a doutora.

O labor de prevención pasa pola vacinación. De feito a Xunta de Galicia mantén activo un programa de prevención de VPH, que actualiza periodicamente as vacinas contra o virus do papiloma humano.

Deja un comentario

Asegúrate de llenar la información requerida marcada con (*). No está permitido el código HTML. Tu dirección de correo NO será publicada.

salud

celta

espectáculos

economía

sucesos

  • Últimas noticias

  • Más leído