24042019Mié
Última edición: Mié, 24 Abr 2019 12pm

Unha doutora de Vigo presidirá a Sociedad Europea de Urorradiología

Milagros Otero será a primeira muller española que estará á fronte dunha asociación europea de Radioloxía

17 Septiembre 2018 por
Valora este artículo
(0 votos)
A doutora Milagros Otero. / Foto: EOXI de Vigo A doutora Milagros Otero. / Foto: EOXI de Vigo

A doutora Milagros Otero, xefa de sección de Radioloxía Abdominal e Xenitourinaria da área sanitaria de Vigo, foi nomeada Presidenta electa da Sociedad Europea de Urorradiología (ESR) no último congreso internacional celebrado en Barcelona. Trátase da primeira vez que unha muller española é presidenta dunha sociedade europea de Radioloxía.

A doutora Otero, que xa era membro da xunta directiva desta asociación, expresou a súa satisfacción ante este nomeamento. “Teño unha enorme responsabilidade pero ao mesmo tempo estou feliz porque é o recoñecemento da radioloxía galega en xeral, e a do Chuvi en particular. Estou orgullosa dos meus mestres e do meu hospital. Aprendín deles a forma de traballar, o esforzo e a curiosidade científica por saber máis e máis”, sinala.

Tamén tivo palabras de agradecemento para o seu equipo, sen o cal “sería imposible chegar ata aquí”. “Ao traballar nun equipo intradepartamental e multidisciplinar, co resto das especialidades médicas e dos hospitais nacionais e internacionais, podemos acadar a necesaria calidade científica para prestar a mellor atención aos nosos doentes. Estou impresionada co meu equipo de radiólogas e radiólogos, e co persoal técnico e de enfermería da área de radioloxía de abdome e xenitourinario. Son eles os que me animan e estimulan día a día”, salienta.

A xerencia da área sanitaria viguesa tamén ve neste nomeamento “un motivo de orgullo, xa que pon de manifesto que a radioloxía do Chuvi está nos máis altos estándares da radioloxía europea”. O xefe do servizo de Radiodiagnóstico, o doutor Xan Vieito afirma que “é un orgullo tanto para o servizo como para o Hospital o dispoñer dun dos seus membros na cúspide europea desta importante área da Radioloxía”.

“Ademais, é unha oportunidade magnífica para o noso persoal, e especialmente para os mais novos, á hora de abrir novas fronteiras do coñecemento ou de participar en foros ou grupos de Investigación a nivel europeo ou internacional. Estou convencido de que dende a súa posición contribuirá ao engrandecemento no terreo científico e humano da súa sección, do servizo e do hospital ao que pertence”, engade.

A vangarda da radioloxía europea
A doutora Milagros Otero, especialista en radioloxía, desenvolveu gran parte da súa carreira profesional no hospital Xeral de Vigo. O pasado ano foi nomeada xefa de sección de Radioloxía Abdominal e Xenitourinaria do Chuvi. Ente outros cargos é a actual presidenta da Sociedad Española por Imagen del Abdomen e membro do Comité Internacional do estudo de patoloxía de Pelvis Femenina da Sociedad Europea de Radiología. Ademais, será a represente europea do Congreso Americano da especialidade que se celebrará en Florida no próximo mes de marzo.

Destaca tamén a súa actividade docente e investigadora no ámbito internacional. Neste senso, cabe subliñar as ponencias e obradoiros que ven impartindo sobre a ‘Actualización y avances de la Resonancia Magnética en la Patología Uterina’, destacando os dos Cursos Erasmus 2017 e 2018, celebrados en Trieste (Italia) e Estocolmo.

“Estes cursos Erasmus de Resonancia Magnética teñen como obxectivo a formación avanzada doutros radiólogos e residentes de todo o mundo nas últimas innovacións desta técnica de diagnóstico radiolóxico, avances que xa están sendo aplicados aos pacientes da nosa área sanitaria”, afirma a doutora Otero.

O equipo de radiólogos que dirixe está colaborando en estudos con distintos hospitais internacionais, americanos e europeos. Un dos resultados desta colaboración é a Guía de Estadiaje Radiológico del Cáncer de Endometrio que será publicada proximamente na prestixiosa revista European Radiology.

O seu grupo tamén participou na elaboración da ‘Guía de Diagnóstico con Resonancia Magnética de los miomas uterinos’.

Deja un comentario

Asegúrate de llenar la información requerida marcada con (*). No está permitido el código HTML. Tu dirección de correo NO será publicada.

vigo

vigo

arte

cine

gastronomía

  • Últimas noticias

  • Más leído