21082018Mar
Última edición: Mar, 21 Ago 2018 7pm

Urólogos do Chuvi atallan complicacións inherentes á cirurxía de cancro de vexiga

Médicos da área sanitaria viguesa presentaron no congreso europeo a modificación dunha técnica que evita a intervención aberta cando se complican determinados casos

12 Junio 2018 por
Valora este artículo
(0 votos)
O doutor Carballo, durante unha intervención. / Foto: Chuvi O doutor Carballo, durante unha intervención. / Foto: Chuvi

Urólogos do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) empregan unha técnica minimamente invasiva que lles permite atallar determinadas complicacións que adoitan ocorrer despois de realizar cirurxías de cancro de vexiga nas que se substitúe este órgano por un segmento de intestino. Ditas anomalías aparecen tras a operación, cando se produce unha obstrución no uréter -a canle que une o ril coa vexiga-, e faise preciso abrir o paso.

A experiencia tivo unha importante acollida no último Congreso Europeo de Uroloxía, celebrado en Copenhague, pola novidade que supón a súa aplicación e polos seus resultados, que son moi satisfactorios.

O doutor Manuel Carballo, urólogo do Chuvi, explica que “hai unha técnica que se estaba desenvolvendo en Europa, pero o que conseguimos facer é unha modificación da mesma, que produce mellores resultados, que é máis efectiva e que causa menores problemas aos pacientes”.

A modificación realizada en Vigo mellora determinados aspectos técnicos que permiten abordar maior número de casos que, doutra forma, necesitarían dunha cirurxía aberta coas consecuentes complicacións para o paciente, e que mesmo aumenta o índice de morbilidade.

A nova técnica realízase sen incisión, mediante o emprego de láser e instrumentos endoscópicos de calibre fino, coa finalidade última de salvar a unidade renal. Tras unha operación de cancro de vexiga invasivo con substitución da vexiga por segmento de intestino, poden producirse anomalías que chegan a afectar á función renal, co perigo que iso reporta para o paciente.

Coa aplicación desta técnica, o paciente está non máis de dous días ingresado no hospital, unha vez realizada a intervención.

Técnica de Lovaco
“O doutor Lovaco foi un dos pioneiros en levar a cabo intervencións coa técnica que leva o seu nome. Pero o que empezamos a facer aquí é unha modificación da mesma, que está a dar uns excelentes resultados e que mellora á calidade de vida do paciente”, subliña o doutor Manuel Carballo.

O servizo de Uroloxía da área sanitaria viguesa é dos poucos que utilizan esta técnica en Galicia e os únicos que puxeron en marcha a modificación. No que vai de ano realizáronse con éxito preto de media ducia de intervencións co novo sistema no Chuvi.

 “Estamos satisfeitos polo eco obtido, pero sobre todo polo beneficio que este sistema proporciona aos pacientes operados de cancro de vexiga”, recalca o doutor Carballo

Deja un comentario

Asegúrate de llenar la información requerida marcada con (*). No está permitido el código HTML. Tu dirección de correo NO será publicada.

camino de Santiago

sucesos

deportes

  • Últimas noticias

  • Más leído