07122019Sáb
Última edición: Sáb, 07 Dic 2019 1pm

Denuncian que o Meixoeiro ten pacientes sen comer tras a apertura de camas pola gripe

A CIG asegura que a cociña do hospital vigués está desbordada “pola falta de previsión do Sergas e da concesionaria do servizo”. O Sergas desminte os feitos

09 Enero 2018 por
Valora este artículo
(0 votos)
Colapso en Urxencias. / Foto: Arquivo Colapso en Urxencias. / Foto: Arquivo

A actual vaga de gripe está a supoñer unha dor de cabeza para a xerencia do complexo hospitalario de Vigo. Segundo denunciou a Confederación Intersindical Galega (CIG) este martes, a repentina apertura dun importante número de camas que se atopaban pechadas no hospital Meixoeiro para acoller os novos ingresos “fixo que moitos pacientes quedasen sen comer como consecuencia da saturación da cociña”.

Segundo informan dende o comité de empresa de Arcasa, concesionaria do servizo de cociña da EOXI de Vigo -hospitais Álvaro Cunqueiro, Meixoeiro e Nicolás Peña-, o Sergas decidiu abrir de súpeto todas as camas que se atopaban pechadas no Meixoeiro, polo que na actualidade funcionan un total de 272 pero sen reforzar o servizo de cociña con máis persoal.

Deste xeito, as catro camareiras encargadas do reparto de comida víronse “totalmente desbordadas”, ata o punto de que moitos pacientes quedaron sen comer. “Ademais, o novo sistema implantado tras a apertura do Álvaro Cunqueiro provoca que a comida estea conxelada e non dea tempo de rexenerala”, denuncian dende o comité de empresa.

Esta situación fixo que persoas con familiares ingresados optasen por levarlles elas mesmas comida da casa, co conseguinte risco que isto supón para a saúde dos pacientes ao non tratarse dunha dieta controlada. “Moitas persoas ingresadas comeron unicamente iogures ou natillas, que era o único que tiñamos para darlles”, indican.

Con todo, o Sergas saíu ao paso destas acusacións e negou rotundamente os feitos. Fontes sanitarias aseguraron a VIGOÉ que a denuncia sindical é “absolutamente falsa” e que non se rexistrou ningunha incidencia durante o día.

Insultos e descualificacións
Como consecuencia, os traballadores tiveron que aturar todo tipo de queixas e mesmo insultos e descualificacións. Dende a CIG-Servizos lembran que o sistema de comidas implantado pola EOXI de Vigo acumula problemas e queixas dende o principio, como así o puxeron de manifesto primeiro en 2015 tras a introdución do novo sistema e posteriormente en 2016, pouco antes do cambio de empresa concesionaria “por intereses electoralistas do PP”.

Finalmente, sosteñen que o servizo sempre funcionou correctamente no Meixoeiro ata a posta en marcha do novo sistema e unha vez que se fixo cargo a nova concesionaria, Arcasa, “que optou tamén por reducir persoal, o que fai que agora o servizo se atope saturado e non se poida atender a todos os pacientes ingresados”.

Inicia sesión para enviar comentarios

medio ambiente

navidad

  • Últimas noticias

  • Más leído