O xerente da EOXI de Vigo, Félix Rubial, subscribiu o convenio de colaboración coa Fundación, mediante o que os talleres se realizarán durante un ano en dependencias do Álvaro Cunqueiro.
As destinatarias do proxecto, que leva o nome de “Ponte guapa, te sentirás mejor”, son seleccionadas polo propio persoal do Servizo de Oncoloxía do Chuvi, de entre aquelas pacientes que consideren que a súa participación pode beneficiarlles no seu proceso de tratamento.
Nunha primeira fase do proxecto serán 12 as mulleres que participan. Para a súa atención, a Fundación Stanpa proporciona dous profesionais de estética que realizaron cursos de voluntariado. Ademais, no proxecto participa un representante do Servizo de Oncoloxía. E tamén o fai a coordinadora do Voluntariado da Asociación contra o Cancro, coa que xa existe un acordo do Chuvi.
Cada sesión do taller ten unha duración de dúas horas, nas que as profesionais indican ás participantes as técnicas de maquillaxe e estética para mellorar o seu estado de ánimo así como o seu aspecto externo, que pode resultar alterado polos efectos secundarios do tratamento oncolóxico, como perda de pelo, decoloración e sequidade na pel. Uns efectos secundarios que varían segundo a paciente ou o protocolo e a duración do tratamento. Por ese motivo, o coidado da pel é un dos elementos importantes para recuperar un aspecto natural e saudable.
Proxecto internacional
A iniciativa do programa xurdiu hai máis de 25 anos en Estados Unidos, baixo o epígrafe “Look Good Feel Better”. A Fundación Stanpa dispón dos dereitos en exclusiva do proxecto para España.
A Fundación Stanpa é unha organización sen ánimo de lucro promovida pola Asociación Nacional de Perfumería e Cosmética e 15 compañías do sector. Adicionalmente conta coa colaboración doutras 14 empresas especializadas en cosmética, moitas delas con implantación en todo o mundo.
Os talleres son gratuítos tanto para as participantes como para o Chuvi e o seu desenvolvemento non interfire coa asistencia médica nos hospitais. Está considerado como un programa “neutro”, é dicir que non se trata dunha actividade promocional nin publicitaria e os produtos doados polas marcas son incluídos nun neceser multimarca no que os produtos e as súas propias marcas van cambiando continuamente.
Estado de ánimo
“A cosmética acompaña ás mulleres ao longo a súa vida, nos momentos cotiáns e felices, pero tamén quere estar ao seu lado nos momentos de dificultade como é pasar por un cancro”, explica Val Díez, directora xeral da Fundación Stanpa, que apunta: “Coidar o aspecto, ademais de mellorar o estado de ánimo, axuda a afrontar de forma máis positiva os tratamentos e as súas consecuencias, aumenta a autoestima e facilita a interrelación coas persoas do entorno da paciente”.
Desde a súa implantación en España en 2012 a través da Fundación Stanpa, o programa “Ponche guapa, sentirás mellor” implantouse en total en 26 hospitais públicos de Albacete, Alacante, Barcelona, Cidade Real, Xirona, Madrid, Santiago de Compostela, Tarragona, Valladolid, Vitoria, Pontevedra e Toledo.
O financiamento realízase a través das doazóns económicas dos patróns e colaboradores da Fundación, así como as doazóns de produtos das compañías. As esteticistas profesionais tituladas, pertencentes ás empresas ou externas a elas, realizan os talleres en base a 12 pasos estandarizados segundo o proxecto internacional, de forma totalmente voluntaria e coordinados e formados especificamente pola Fundación.