O conselleiro, acompañado polo xerente da EOXI de Vigo, Julio García Comesaña, realizou este venres unha visita aos laboratorios dos CHUVI, con especial atención as novas instalacións de Microbioloxía, postas en marcha recentemente.
Almuíña explicou que “nestes laboratorios procésanse todas as mostras procedentes dos centros de saúde da área sanitaria e das consultas externas hospitalarias, que ascenden a 10 millóns de analíticas”. A estas hai que engadirlle 2,3 millóns máis de analíticas realizadas no Álvaro Cunqueiro, polo que o número total de análises informados anuais é de 12.300.000.
O conselleiro afirmou que nestes momentos os médicos de atención primaria da área sanitaria de Vigo teñen acceso á petición a todas as probas analíticas ofertadas na carteira de servizos do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo. “De feito -dixo-o 60% das peticións procesadas no laboratorio central do Meixoeiro proceden da atención primaria” -.
Segundo sinalou o xefe de servizo de Análises Clínicos, Arturo Fernández Nogueira “no ano e medio de funcionamento do laboratorio central xa estamos analizando 8.000 tubos ao día de preto de 3.000 pacientes. A nova loxística permite ofrecer resultados en menos de 24 horas e incrementar a seguridade, xa que todo o proceso está dixitalizado, o que tamén mellora a súa trazabilidade, desde que o facultativo solicita as análises ata que lle chegan os resultados”.
O dr. Regueiro explicou que “o servizo de Microbioloxía dispón dunha tecnoloxía de gran impacto, que permite unha identificación bacteriana na metade de tempo e, en consecuencia, iniciar os tratamentos antibióticos un dia antes do que se viña facendo. En dous anos pasamos de identificar 1.700 microorganismo diferentes a máis dos 12.000 actuais. Isto representa un gran avance para o sistema porque ademais de ser máis rápido os tratamento van máis dirixidos. Ademais, permitiunos desenvolver liñas de investigación moi innovadoras centradas no metaxenoma, o estudo xenético das bacterias nos humanos”.