O xefe do servizo de Cardioloxía da EOXI de Vigo, o doutor Andrés Iñiguez, recolleu este mércores en Madrid o certificado da acreditación e salientou que “o obxectivo último deste programa de acreditacións de excelencia é mellorar a calidade de vida dos pacientes con enfermidade cardiovascular”.
O ecocardiograma transesofáxico (ETE) é unha técnica semi-invasiva de máxima importancia no diagnóstico das enfermidades cardiovasculares, así como na monitorización da maioría de cirurxías cardíacas e das distintas técnicas de cardioloxía intervencionista.
Nun contexto onde resulta necesario desenvolver estándares e guías de actuación que garantan a calidade dos procesos sanitarios, a Sociedad Española de Cardiología (SEC) otorgou a acreditación Sec-Excelente ecocardiograma transesofágico a doce hospitais de nove comunidades autónomas que cumpren os estándares de calidade para adherirse a este procedemento. O Chuvi é o único complexo galego en recibir esta acreditación.
Programa de calidade
O procedemento do ecocardiograma transesofáxico enmárcase dentro do proxecto Sec-Excelente, co obxectivo de contribuir á mellora continua da calidade asistencial tanto no ámbito dos servizos clínicos como na ordenación e xestión dos recursos.
Este proxecto forma parte dun programa máis amplo de calidade, que ten por finalidade reducir a morbimortalidade das enfermidades cardiovasculares, a través de protocolizar as actuacións nos principais procesos e procedementos cardiovasculares para reducir a variabilidade clínica, de mellorar a asistencia directa a pacientes con morte súbita, de proporcionar criterios para avanzar na xestión de activos tecnolóxicos de imaxe cardiovascular e de progresar na continuidade asistencial entre a asistencia hospitalaria e a Atención Primaria.
Proceso de acreditación
O proceso de acreditación do procedemento de ecocardiograma transesofáxico consta de tres fases: revisión da documentación solicitada, auditoría e informe final coa conseguinte emisión do certificado de acreditación de excelencia.
Tras a revisión de toda a documentación aportada, se elabora un informe de auditoría, cunha descrición dos achados e opcións de mellora si se precisa, así como unha proposta de acreditación (ou rexeite) da acreditación, que se eleva ao Comité Científico de Sec-Excelente, que realizará a valoración final.