Nestas Salas realizánse técnicas e procedementos terapéuticos para o diagnóstico e tratamento das arritmias, como son as ablacións e os implantes de dispositivos cardíacos (marcapasos, desfibriladores e holters). Este novo dispositivo asistencial, cofinanciado nun 80 por cento cos Fondos europeos FEDER, supuxo un investimento total, entre obra e equipamento, de máis de 800.000 euros.
O novo quirófano conta con 80 metros cadrados. Vai dotado co máis moderno equipo de imaxe radiolóxica, mesa, e elementos de visualización e asociados necesarios. Este equipamento de imaxe radiolóxica posibilita a realización de técnicas moi avanzadas.
Segundo afirma o responsable da Unidade de Arritmias, Enrique García -“este novo recurso nos permitirá incrementar a actividade nun 70 por cento, o que redundará na diminución da lista de espera, dando resposta ao crecemento da demanda na realización deste tipo de procedementos. Ademais, supón unha importante mellora na calidade e na seguridade dos procesos asistenciais”-.
Máis de 800 procedementos anuais
As arritmias cardíacas (alteración do ritmo cardíaco) son patoloxías moi prevalentes. A máis frecuente, a fibrilación auricular, afecta a entre un 3-4 % da poboación.
O CHUVI é referente do sur de Galicia para procedementos de ablacións cunha poboación de un millón de habitantes. O pasado ano, a Unidade de Arritmias realizou máis de 800 procedementos deste tipo: 500 implantes de dispositivos cardíacos, e 300 estudos electrofisiolóxicos e ablacións.
Técnicas innovadoras
A Unidade de Arritmias do Complexo vigués, composta por un equipo de catro electrofisiólogos e cinco profesionais da enfermaría e dúas TCAEs, caracterízase por estar sempre á vangarda das innovacións tecnolóxicas que se producen nos tratamentos cardiolóxicos.
Así, esta Unidade xa fóra das primeiras de España e a primeira en Galicia na colocación de dispositivos sen cables no ventrículo dereito, e de desfibriladores bicamerais (aurícula e ventrículo).