Así, segundo revelan os datos oficiais feitos públicos este venres polo Servizo Galego de Saúde, por primeira vez no último lustro o Chuvi situou o tempo de espera medio para unha intervención cirúrxica por embaixo dos tres meses, e o de espera para consulta externa en menos de dous meses .
Malia estes bos datos, a área sanitaria viguesa segue a ser a que máis esperas arrastra en Galicia. No que respecta a consultas, o dato é de 53,6 días, sensiblemente por riba da media (46 días). En operacións, a cifra sobe ata os de 88,6 días, un número moi superior ao conxunto de Galicia (66 días).
Ese tempo de agarda no Chuvi é 5,8 días inferior ao do pasado ano, mentres que a demora media para as consultas externas reduciuse en 5,5 xornadas.
Ademais, a demora media actual para as intervencións cirúrxicas de Prioridade 1 na área sanitaria viguesa é de 24,3 días, por debaixo do obxectivo marcado pola Consellería de Sanidade, establecido en 30 días.
O xerente, Félix Rubial, asegura que “o obxectivo de cara a finais deste ano ten que ser reducir un 10% os datos actuais”.
Especialidades
Por servizos, sete das trece especialidades cirúrxicas presentan unha demora media por debaixo dos 65 días, o que os sitúa no tempo medio de espera global dos hospitais do Sergas. Os que menos espera arrastran son Cirurxía Torácica (24,4 días), Neurocirurxía (42,6) e Uroloxía (45,6).
Traumatoloxía continúa sendo o servizo con maior impacto na lista global. Do total dos pacientes que esperan unha intervención na área viguesa, o 37,4% son de traumatoloxía. Con todo, este servizo conseguiu rebaixar en 18 días a súa demora media (agora está en 124,3 días) con respecto ao pasado ano.