O lema deste ano foi “A túa medicación, a túa saúde, a túa vida” e con el pretendeuse concienciar aos pacientes, aos propios farmacéuticos e ao persoal clínico da necesidade da adherencia aos tratamentos, como un elemento fundamental para conseguir unha maior eficacia dos mesmos. Os actos estiveron organizados pola Sociedade Española de Farmacia Hospitalaria, a través do Grupo de Traballo de Adherencia.
O Hospital Álvaro Cunqueiro albergou unha mesa informativa na que se informou ao público en xeral da importancia do mantemento dos tratamentos e non esquecer as tomas de medicamentos que teñan pautadas polo seu médico.
“Sempre dicimos que a adherencia non é o obxectivo, senón conseguir resultados en saúde para os pacientes. Para iso a adherencia ao tratamento é fundamental, porque poucas intervencións favorecen tan claramente a consecución deses resultados de saúde como o traballo destinado a incrementar o cumprimento da pauta de cada paciente”, explicou a xefa do servizo de Farmacia Hospitalaria do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo ( CHUVI), Guadalupe Piñeiro.
Na mesa informativa realizouse, ademais, unha enquisa entre os usuarios sobre o seu grao adherencia aos tratamentos prescritos polos seus médicos. “Para deseñar estratexias de intervención de forma individualizada é imprescindible coñecer as opinións dos usuarios, así como traballar de forma multidisciplinar co resto dos profesionais sanitarios que interveñen na atención ao paciente”, subliña a xefa do servizo.
Ingresos hospitalarios
O último estudo realizado na área sanitaria de Vigo sobre a falta de adherencia aos tratamentos reflicte que nun ano rexistráronse 87 pacientes ingresados por ese motivo, que xeraron 104 episodios.
O 71,2% foron homes cunha idade media de 51,5 anos. Todos os pacientes tiñan unha patoloxía crónica e moitos deles unha adherencia menor do 75%.
A estadía total no hospital por este motivo foi de 1.527 días, o que supón unha media de 14,7 días no hospital por cada un dos episodios. O custo total ascendeu a 594.230 euros. Unha cifra que supón un importante consumo de recursos.
No estudo concluíuse que o perfil deste tipo de pacientes é o dun home psiquiátrico (máis da metade do total) ou cardiolóxico crónico.