En declaracións posteriores, o alcalde detallou as medidas adoptadas polo seu goberno nos últimos anos para facilitar o uso das motos na cidade, chegando incluso a ser designada Vigo como a cidade máis segura de España para motos por parte de varias asociacións.
Abel Caballero recordou que os vehículos de dúas rodas poden agora circular polos carrís bus, contan con varias zonas adiantadas propias ante os semáforos e incluso con carrís específicos de acceso a estes espazos. O Concello tamén substituíu dous quilómetros de gardarraís para instalar aquelas biondas seguras para os motoristas.
No tocante ao estacionamento, xunto á posibilidade de estacionar nas beirarrúas sempre e cando non causen molestias, o rexedor recordou Vigo conta con máis de 1.100 aparcamentos para motos, cifra que apenas superaba as 200 á súa chegada á Alcaldía.
A nivel fiscal, o alcalde avanzou que no 2019 volverá aplicarse unha rebaixa do 10% no imposto de circulación ás motos de máis de 125cc. Será a cuarta consecutiva, deixando a redución total da taxa no 40% con respecto ao 2015. Os vehículos de cilindrada inferior aos 125cc xa contan coa máxima bonificación permitida por lei, un 90% de rebaixa que sitúa a taxa anual nos 1,1 euros, «en suma, nada, gratis total».