21082018Mar
Última edición: Mar, 21 Ago 2018 12pm

Sabor agridoce para o Uvigo Motorsport en Assen

Un problema coa bomba da auga fixo que o equipo da Universidade de Vigo tivese que abandonar o test de 'endurance'

13 Julio 2018 por
Valora este artículo
(0 votos)
O coche do Uvigo Motorsport, no circuíto holandés de Assen. / Foto: UVigo O coche do Uvigo Motorsport, no circuíto holandés de Assen. / Foto: UVigo

Con decepción pero con moitos ánimos e gañas de resarcirse remata o periplo do Uvigo Motorsport no circuíto holandés de Assen. O equipo vigués afrontou dende o luns as probas estáticas e dinámicas desta proba de Formula Student co monopraza UM18, pero os resultados non foron os agardados.

As cousas comezaban ben a principios da semana, segundo María Couso, team leader do equipo, que explica que “as probas estáticas foron moi ben, foi o noso mellor ano e quedamos no top 10 nos tres test de design, cost e business, que consisten na xustificación de costes, deseño e plan de negocio”. Tras esta primeira fase chegaba o scrutineering, a inspección técnica e de seguridade do coche que realiza un grupo de expertos, e que pasaron tamén sen maiores complicacións. Así, a valoración global da parte estática foi moi boa, “estamos contentos porque lle dedicamos un tempo que agora vemos que ten a súa recompensa”.

Pero a partir dese momento comezaron as malas noticias para os estudantes vigueses. Sen dúbida, recoñece Couso, “a peor parte foi o aspecto técnico, rompeuse todo o que se podía romper, incluíndo problemas co motor que nos fixo chegar tarde ao break test”. Isto condicionou os tempos das probas dinámicas e fixo que o coche competise só na proba de acceleration e de endurance, o principal obxectivo do equipo para este ano, que consiste nun test de resistencia nun circuíto de 22 km cun cambio de piloto a metade do percorrido. “O ano pasado quedámonos coa espiña cravada de non poder rematar a endurance, e este ano tampouco poido ser, foi unha acumulación de mala sorte”.

Rematar esta proba supoñía obter 325 puntos dos 1000 totais da competición, pero un problema na bomba de auga obrigounos a abandonar na décimo primeira volta, a piques de realizar o cambio de piloto. Couso recoñece que foi “decepcionante e desilusionante non poder rematar esta proba, o noso obxectivo principal” pero tamén explica que a parte positiva foi a reacción do equipo ante as complicacións. “Houbo moitos problemas e a resposta foi positiva, achegando varias solucións a cada un dos inconvenientes, con todos os membros do equipo arrimando o ombreiro para adoptar a resposta que mellor se adaptaba en cada caso. Dende o punto de vista resolutivo creo que demostramos que somos moi bos”, sentencia.

As esperanzas postas en Montmeló
Tras esta primeira proba da temporada en Holanda, agora toca mirar cara adiante e agardar a Montmeló para poder cumprir o soño de completar a endurance. A proba no circuíto catalán terá lugar do 21 ao 26 de agosto, polo que o equipo universitario vigués ten por diante un mes para poder arranxar os problemas xurdidos. “Algúns temas están xa definitivamente solucionados, outros teremos que abordalos nas próximas semanas, nas que tamén poderemos rodar máis o coche”, explica a líder o equipo. E é que neste caso o tempo é determinante, porque chegaron a esta primeira competición “moi xustos de tempo, sen case poder rodar o coche”, explica.

No seu lugar levárono a un banco-motor “para facerlle quilómetros, pero non é o mesmo que rodalo en asfalto, porque non se pode testar a condución, os xiros, etc.”. Por iso, nas próximas semanas poderán realizar os cambios precisos, facendo especial fincapé no tema da refrixeración, e rodar o coche “para ver se está ou non preparado”, explica Couso. Por todo iso, a animados pola boa resposta do equipo ante os imprevistos, amósase optimista de cara a Montmeló, “temos boas vibracións, fallaron moitas cousas que solucionamos e que xa non deben volver fallar”, conclúe.

Deja un comentario

Asegúrate de llenar la información requerida marcada con (*). No está permitido el código HTML. Tu dirección de correo NO será publicada.

maltrato animal

deportes

sanidade

  • Últimas noticias

  • Más leído

Agenda

Sin eventos