A viaxe, que será de balde, terá lugar o vindeiro 10 de setembro dentro dunha andaina que transcorrerá entre Vilaboa, Cangas e as propias illas. Trátase dunha ruta circular de dez quilómetros e oito horas de duración que percorrerá os muíños de Vilaboa, as Salinas do Ulló, e, xa en Cíes, a ruta do Alto do Príncipe. A actividade paralela desta andaina consistirá nun obradoiro de observación e fotografía de aves.
A iniciativa encádrase dentro da segunda edición das ‘Depoandainas’, que ofrecen 1.500 prazas gratuítas para realizar cinco rutas pola provincia de Pontevedra. Ademais da mencionada, están previstos desprazamentos á Illa de Arousa e O Carreirón (18 de xuño), ao sendeiro natural da Pastora-Umia en Cambados (9 de xullo), polo Camiño de Santiago entre Tui e O Porriño (24 de setembro) e a Soutomaior (15 de outubro).
As rutas teñen por obxectivo impulsar hábitos saudables, promover o turismo deportivo e o territorio, as actividades ao aire libre e poñer en valor a riqueza medioambiental, etnográfica, cultural e patrimonial da provincia de Pontevedra. O ano pasado rexistraron un cheo absoluto, esgotando todas as prazas e cunha longa lista de espera.
Entre as novidades para esta edición atópanse precisamente esas actividades paralelas como o ‘xeocaching’ medioambiental, os obradoiros de identificación de rastros animais, orientación natural, tiro con arco e cintas de ‘slackline’.
As andainas contarán tamén cunha sección especial dentro da páxina web www.depo.es nas que se incluirán fotografías da actividade, información de cada unha das cinco rutas preparadas, formularios e datas de celebración. Tamén haberá un teléfono específico de atención (670.892.307) e o correo electrónico depoandainas@marexada.es.