Co propósito de predicir que zonas de monte serán máis proclives a sufrir “lumes de alta severidade”, aqueles nos que as lapas afectan ás árbores na súa totalidade, o profesor da Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo José María Fernández desenvolveu, xunto con investigadores do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán e da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC, un modelo estatístico que, baseándose nunha serie de variables topográficas, meteorolóxicas e relativas aos combustibles vexetais, diferencia que parcelas son máis proclives a sufrir este tipo de lumes fronte a outros de “baixa ou media severidade”.
Os resultados deste estudo recóllense no artigo que Fernández asina xunto a José Antonio Vega e Enrique Jiménez, do CIF Lourizán, e Ana Daría Ruiz e Juan Gabriel Álvarez, da USC, na revista European Journal of Forest Research.
“O que nos interesaba é ver se en base aos datos que recollemos dos incendios, somos capaces de predicir onde vai ocorrer isto nunha zona que non ardeu”, explica Fernández no Diario da Universidade de Vigo (Duvi) sobre a investigación que desenvolveu no CIF Lourizán e que parte da análise de diferentes incendios que Fernández realizou para a súa tese de doutoramento Condicións de inicio e propagación dos lumes de copa en masas de piñeirais, defendida na EE Forestal.
Ademais de diferenciar dous tipos de zonas, o desenvolvemento deste modelo permitiu tamén definir un “ránking de variables”, comprobar cales dos ítem incorporados á análise resultan determinantes para a severidade dos lumes.
“Chegamos ás conclusións de que ocorreron de forma máis frecuente en zonas con alta velocidade do vento, o cal era lóxico, en zonas onde as copas do arborado están máis preto do solo, que isto tamén era algo que se sabía pero que tiñamos que testar desta maneira, e en zonas máis expostas ao sol”, relata Fernández.
Tamén, que os lumes de alta severidade son máis frecuentes en zonas “con alta rugosidade do terreo”, lugares nos que o solo presenta maiores variacións de altura nun curto espazo, o que “favorece que, dalgún modo, teñamos un fluxo de vento máis turbulento”, explica o investigador, que recoñece que esta era “quizais a variable que menos agardabamos, porque a topografía normalmente analizábase en base as pendentes, que favorecen un comportamento máis extremo do lume”.