Esta subvención se encadra nas axudas a proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia para proxectos de enerxías renovables 2016, cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa Operativo Feader-Galicia 2014-2020.
O uso desta enerxía sustentable permitirá ao mesmo tempo un aforro para as arcas municipais de 5.000 euros ao ano en combustible contaminante, xa que ata agora funcionaba cun acumulador de mil litros alimentado grazas a unha caldeira de gasoil. Por outra banda, se mellorará sustancialmente o rendemento, xa que o novo acumulador de auga conta co triple de capacidade que o anterior, isto é 3.000 litros en total sobre un cálculo de necesidade de 2.800 litros ao día.
«Con esta obra completamos os campos municipais que empregan a enerxía solar (en Vilariño xa funciona así) e reiteramos o noso compromiso de ir levando este sistema ás demáis instalacións do Concello», explica o alcalde, Juan González.
En total, foron instaladas enriba dos vestiarios 19 placas solares de 2,3 metros cadrados de superficie que manterán ao novo acumulador de 3.000 litros con auga a 60 graos centígrados.