O problema das comunidades de montes afectadas polos lumes radica en que se están vendo descapitalizadas e cun monte no que non hai posibilidades de aproveitamento produtivo no curto e medio prazo, din desde a asociación. «Ese escenario deixa ós montes veciñais sen posibilidades de xestión e ante un claro risco de abandono, polo que tense advertido da necesidade dun plan público de restauración dos montes afectados pola vaga de lumes», prosigue.
No caso concreto dos montes con convenio, «corresponderíalle á Xunta asumir directamente a súa recuperación, pero o proceso de desconvenio en marcha podería deixar nunha situación moi delicada ás comunidades que están descapitalizadas, cun monte sen arborado e que se ven obrigadas a desconveniar».
Proceso de cancelación de convenios
O proceso de extinción dos convenios iniciarase por aquelas comunidades que non manteñan débedas coa Administración e continuará progresivamente polas demais. Nas reunións que desenvolveu nas últimas semanas a Asociación Forestal de Galicia en Pazos de Borbén e en Covelo con comunidades de montes socias, constatáronse situacións diversas.
Hai comunidades de montes con convenios en vigor e sen débedas coa Administración que teñen a vontade de desconveniar o seu monte e asumir directamente a súa xestión, pois trátase de montes veciñais dinámicos e con recursos. Distinta é a situación daquelas comunidades sen débedas pero que se ven descapitalizadas trala vaga de lumes do pasado ano.
A Asociación Forestal de Galicia mantivo o pasado 10 de setembro unha reunión co director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto, para aclarar como sería o proceso de desconvenio dos montes e as alternativas para as comunidades.
A Xunta proxecta ofrecerlle a parte das comunidades un contrato de xestión que sustituiría ós actuais convenios, que expiran todos no 2021 a máis tardar, pero trátase dunha iniciativa aínda sen concretar.