Máis dun centro de alumnos de centros de ensino de Bueu, Ribeira, Vilagarcía de Arousa e Vigo participaron nesta xornada lúdica nas Illas Cíes, con actividades relacionados co deporte e o medio ambiente.
Ademais de coñecer a nova guía ‘Os Bolechas van ás Illas Atlánticas’, os nenos convertéronse en exploradores por un día, con actividades, xogos, e retos que lles permiten coñecer máis de preto a riqueza da flora e fauna que alberga este arquipélago que -xunto con Ons, Sálvora e Cortegada- forma parte deste parque nacional.
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, desprazouse á illa para compartir esta xornada cun triplo motivo que é a celebración do Día do Libro, a promoción da candidatura a Patrimonio da Humanidade e a celebración do Ano europeo do Patrimonio Cultural que este mesmo mes de abril a Xunta dedica precisamente a este Parque Nacional.
Rodríguez subliñou a importancia de actividades coma esta para fomentar entre os máis novos o coñecemento da riqueza cultural, paisaxística e medioambiental que os rodea; e a necesidade de coidala e preservala para as xeracións vindeiras. En palabras do conselleiro, “é fundamental a implicación do conxunto da sociedade, pero moi especialmente das novas xeracións, na defensa e revitalización dos tesouros que herdamos dos nosos antepasados, sexan paisaxe, medio natural, arquitectura, festas, ou a propia lingua”.
Patrimonio Mundial da Unesco
O responsable de Cultura do Goberno galego fixo fincapé tamén no traballo “serio e rigoroso” que se está levando a cabo desde a Xunta de Galicia en colaboración con outras institucións para acadar que a candidatura Illas Cíes-Parque Nacional Illas Atlánticas sexa declarada Patrimonio Mundial. Unha aspiración que choca de fronte coa impulsada previamente polo Concello de Vigo, na que as Cíes concorren en solitario.
Rodríguez insistiu en que, coa inclusión da candidatura o pasado febreiro na lista indicativa da Unesco, deuse un paso fundamental para avanzar neste recoñecemento xa que se trata dun requisito indispensable para que se faga realidade.