Ademais, o Concello vén de crear no zoo da Madroa unha sala dedicada ao cambio climático, onde se simula a realidade de diferentes hábitats para dar a coñecer os seus problemas e as solucións posibles.
A sala, que conta cun iglú e dúas carpas nas que este venres participaron 236 escolares vigueses dos CEIP Coutada-Beade, Doutor Fleming e Pintor Laxeiro, converterase nunha exposición permanente, onde seguirán acudindo nenos durante todo o ano para que este tipo de efemérides vaian máis aló dos días internacionais.
No acto deste venres estivo presente o alcalde da cidade, Abel Cabalero, que lamentou que esta celebración coincidise co anuncio do presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, de abandonar o Acordo de París e, por tanto, “a loita contra o cambio climático, o que nos provoca un gran estupor”.
Medidas municipais
No tocante ás accións municipais a prol do medio ambiente, Caballero indicou que no ano 2016 o goberno local recolleu 35 toneladas de aceite usado, fronte ás 7 toneladas que se recolleron en 2007, primeiro ano do seu goberno.
A recollida de ovos de gaivota para evitar a súa proliferación, a esterilización de 4.000 gatos na rúa e a campaña de voluntariado a Cíes, que se traduce en 20.000 horas de traballo realizado por 1.200 voluntarios tamén foron as actividades recordadas polo rexedor.
O primeiro edil salientou tamén os 9.000 carnés de «Camiño a camiño» que se fixeron xa e a marcación de dous novos carreiros, a atención aos humidais e as nove hortas urbanas.