O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, asinaron este venres un convenio de impulso ao obxectivo «Illas Cíes Patrimonio da Humanidade», un acordo segundo o cal a institución educativa presidirá e coordinará o comité científico e proporcionará o «aval científico» á candidatura.
Na súa intervención, Abel Caballero valorou este «salto cualitativamente tan importante» ao entrar nun dos «camiños imprescindibles» para obter o recoñecemento da Unesco, como é o aval científico, despois de levar catro anos no proceso de «creación de conciencia social colectiva». O alcalde agradeceu ao reitor e ao Campus do Mar a súa colaboración pois «é seguramente a mellor garantía» de éxito para as Illas Cíes.
Vocación de estar sempre do lado da Universidade, me emociona que o reitor volva ocupar o seu despacho neste edificio.
Un dos eixos da candidatura é o reforzo científico-técnico e neste eido se enmarca o acordo entre o Concello e a Universidade de Vigo, como líder do Campus do Mar, que congrega ás principais universidades, centros de investigación e plataformas de investigación da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Así, o Concello encarga á Universidade a presidencia e coordinación do comité científico creado para a candidatura, ademais de responsabilizarse de avalala e validala cientificamente.
Reitorado no Areal
Abel Caballero e Salustiano Mato aproveitaron este acto para facer oficial a cesión de espazos no edificio municipal de Areal, para que se volva asentar o Reitorado da Universidade de Vigo no centro da cidade. O alcalde apuntou a «vocación» do goberno vigués de estar «sempre do lado da Universidade».