No caso de Nigrán invitarase a tódolos inscritos no proxecto de voluntariado para a rexeneración do sistema dunar de Praia América-Panxón e tamén está aberto a toda aquela persoa que desexe participar, que deberá inscribirse ata o venres 29 de setembro no teléfono do Concello 986.365.000 (chamando de 9.00 a 14.00 horas). O punto de encontro é xunto a capela da Alameda de San Campio (A Ramallosa) ás 9.00 horas horas para poder realizar a limpeza no esteiro con marea baixa. O Concello facilitará camisetas conmemorativas á xornada, bolsas, luvas e pinchos para recoller o lixo máis comodamente, recomendándose levar botas de auga. A xornada alongarase durante hora e media aproximadamente finalizando cunha pequena merenda.
O Concello de Nigrán participa nesta xornada dende o ano 2015 baixo a iniciativa do goberno. Dende entón, grazas o labor dunha vintena de voluntarios, téñense retirado do esteiro de A Foz preto de dúas tonelada de lixo, principalmente botellas de vidro e material de construción e pesca, pero tamén tixolas, paraugas, cadeiras, xoguetes…
“Este é un día de sensibilización e concienciación medioambiental no que se pon de manifesta a necesidade da correcta xestión dos residuos ao tempo que amosamos que as pequenas accións valen moito. Dende o inicio eleximos o Esteiro de A Foz porque é un espazo que abrangue aos tres municipios do Val Miñor e que posúe unha gran riqueza natural que debemos preservar ao máximo entre institucións e veciñanza”, suliña o edil de Medio Ambiente, Diego García.
O Proxecto Ríos é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.