Trátase da actividade estival ‘Descubrindo o Parque Nacional’, que ofrece case 1.400 excursións ás illas Cíes e Ons, e que nesta edición tamén ofrece a posibilidade de coñecer Cortegada e Sálvora. O obxectivo deste programa é animar aos cidadáns de todas as idades a coñecer os valores destes enclaves naturais, completando e enriquecendo así a actividade de praia ou de sendeirismo que fan os visitantes durante o verán.
A primeira das visitas guiadas que se celebrará é en Sálvora o día martes 4 de xullo ás 10:30 horas, na que doce persoas poderán coñecer a ruta histórica-xeolóxica sobre o que as rochas revelan das xentes e da natureza. Nos arquipélagos de Ons e Cíes desenvolveranse todos os días de verán, ata o 15 de setembro; e no caso de Cortegada, os martes ou venres de xullo e agosto -en función da marea-.
Unha das novidades que se atende nesta edición -a proposta dos visitantes- é que en Cíes e Ons bríndase a posibilidade de reservar praza na central de reservas para días seleccionados da semana. Estas excursións fanse con grupos reducidos coa fin de poder ofrecer a máxima calidade de visita a este espazo protexido e están recomendadas para un público maior de 12 anos.
As actividades guiadas son de balde, pero os participantes deberán asumir o custe do transporte ata a illa. No caso de Cíes e Ons, poderán acceder a través da liña regular que as distintas navieiras autorizadas ofrecen dende distintos portos, ou ben achegarse en embarcación privada autorizada. Para o caso de Sálvora e Cortegada, onde por razóns de conservación non hai transporte regular diario, o Parque organiza o transporte, aínda que o custe do billete o asumirá o participante.
As persoas interesadas en participar nalgunha das actividades deberán reservar a súa praza a través da web da central de reservas que ten habilitado o Organismo Autónomo de Parques Nacionais (www.reservasparquesnacionales.es).
Tamén se poderá cubrir dita solicitude acudindo á sede do Parque Nacional, situada na rúa Oliva 3). No caso de Cíes e Ons nas casetas de información das illas o propio día xa que se ofertan prazas a diario (prazas limitadas).
Cada persoa poderá reservar para unha soa ruta por illa. Habilitarase tamén unha lista de agarda, coa que cubrir posibles baixas en Sálvora e Cortegada.
As prazas ofertadas a través da central de reservas iranse abrindo progresivamente uns 15 días antes de cada ruta, aproximadamente. A excursión pode quedar anulada se as condicións meteorolóxicas son adversas.