Marea salienta que alertou o pasado mes de xuño sobre o que podería chegar a suceder nos espazos habilitados para os cans, e afirmaba que o feito de limitar o acceso a dúas praias non era suficiente nin en materia de benestar animal nin nos aspectos relacionados coa convivencia e o coidado do entorno. “A día de hoxe, a conflitividade na zona creceu exponencialmente e cada día se fai máis necesario que o goberno tome medidas”, argumentan desde o partido.
O grupo municipal pide ademais que se desenvolvan campañas divulgativas e informativas, tanto de concienciación como de educación cívica e protección animal, campañas de boas prácticas e unha mellora no servizo de limpeza e control do estado da area e a auga.
Igualmente, avoga por que a Concellería de Medio Ambiente promova labores de mediación entre a veciñanza de Coruxo e as persoas que visitan a zona cos cans, xunto coa aplicación de sancións a aquelas persoas que incumpran a normativa en canto á limpeza e convivencia.
“Neste caso ademais, tería sido de gran axuda (e máis tendo en conta os dous anos de tramitación que levou o expediente que finalmente daba acceso aos cans nas praias de Coruxo), unha campaña especial de sensibilización tanto para a veciñanza da zona como para as persoas que acoden a visitar as praias cos seus cans”, inciden desde Marea.
Para a Marea de Vigo, este conflito so vén evidenciar a necesidade destas accións, que deberían terse aplicado xa fai anos nesta cidade e na súa totalidade, e con toda independencia do momento do ano.