Segundo revelou este luns o alcalde de Vigo, o goberno local solicitar a Lotería e Apostas do Estado que dedicase un sorteo da Lotería Nacional as Illas Cíes, dentro da proposta do Concello de iniciar a tramitación para que o arquipélago vigués opte a ser declarado pola Unesco como Patrimonio da Humanidade.
Abel Caballero amosou a súa «satisfacción» e agradeceu «moitísimo» á entidade estatal a súa resposta positiva e a decisión de celebrar en Vigo o sorteo do 6 de xuño, que será no Auditorio Mar de Vigo coa participación de alumnado do Colexio San Ildefonso de Madrid e estudantes de 5º e 6º de Primaria do centro vigués Ramón y Cajal, no mesmo número.
A delegación procedente de Madrid, tanto os rapaces como a representación de Loterías, viaxarán o venres anterior ás Illas Cíes, antes de celebrar ás 18 horas o ensaio xeral no mesmo Auditorio. O sábado, 6 de xuño, as portas ábrense ao público ás 12:30h e o sorteo e retransmisión dará comezo ás 13 horas. Abel Caballero avanzou que a comezos de xuño haberá unha segunda presentación pública do sorteo vigués, coa presenza de representantes de Loterías e Apostas do Estado.
O alcalde recordou as distintas iniciativas impulsadas ata o momento para lanzar a precandidatura das Cíes a Patrimonio da Humanidade. O Concello levou as Cíes a Fitur, con «enorme eco», celebrou durante tres días consecutivos o concerto «O Canto das Illas», organizou o partido de fútbol Célticos de Lenda vs Estrelas do Fútbol Mundial, e desenvolveu un programa para desestacionalizar as visitas as Illas.