Imprimir esta página

Vigo volverá a achegarse aos lumes de 2017 coa II Andaina pola Rexeneración dos Montes

O programa Camiño a Camiño propón para este domingo unha ruta circular para coñecer o estado actual das zonas forestais de Valladares, Matamá, Comesaña e Coruxo

07 Octubre 2019 por
Valora este artículo
(1 Voto)
A ruta máis longa será de 9,1 quilómetros. / Foto: Concellería de Medio Ambiente A ruta máis longa será de 9,1 quilómetros. / Foto: Concellería de Medio Ambiente

O programa municipal Camiño a Camiño organiza nesta segunda semana de outubro a II Andaina pola Rexeneración dos Montes de Vigo, que se desenvolverá o domingo día 13 con motivo do segundo aniversario dos devastadores lumes de 2017. A Concellería de Medio Ambiente, xunto con Montes de Vigo, propón esta actividade que servirá para coñecer de preto como se atopan na actualidade os montes queimados en Valladares, Matamá, Comesaña e Coruxo. Tamén se dará a coñecer que actuacións se teñen levado a cabo e o que está previsto a futuro, tendo en conta que calquera actuación de rexeneración require bastante tempo.

A ruta é circular e arranca no Monte dos Pozos para pasar polo Parque Forestal de Maruxento (Matamá) e ver algunhas das actuacións que xa se levan feito. Logo encamíñase á saia do Parque Forestal de Aguieira (Comesaña) para volver ao Monte dos Pozos. En total, a distancia é de 9,1 quilómetros pero para familias con nenos e persoas que queiran menos percorrido deseñarase unha versión reducida.

A inscrición na andaina xa está dispoñible a través do 010 (986 810 260 dende móbil). A saída terá lugar ás 09:00 horas na Praza do Rei. O regreso está programado en torno ás 14:00 horas.FS136 Andaina Trazado

Inicia sesión para enviar comentarios