23082019Vie
Última edición: Jue, 22 Ago 2019 10pm

Certificado de turismo sostible para 14 empresas que operan nas Illas Atlánticas

As firmas superaron un proceso de seis meses no que recibiron unha formación e foron sometidas a unha auditoría ambiental

04 Mayo 2018 por
Valora este artículo
(0 votos)
Entrega dos certificados. / Foto: Consellería de Medio Ambiente Entrega dos certificados. / Foto: Consellería de Medio Ambiente

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de entregar a 14 empresas que centran a súa actividade no Parque Nacional das Illas Atlánticas o certificado que acredita a súa adhesión á Carta Europea de Turismo Sostible (CETS), un proxecto europeo que busca sumar espazos naturais protexidos e aos actores do seu entorno que asuman un compromiso co turismo respectuoso e de calidade.

As entidades seleccionadas tiveron que superar un proceso formativo en turismo sostible que incluía unha diagnose da súa actividade, a implantación dunha serie de medidas básicas para mellorar o seu traballo e conectalo co espazo protexido no que esta se desenvolve, visitas aos establecementos e ata unha auditoría ambiental.

Este período de preparación prolongouse seis meses, durante os cales as empresas contaron coa asistencia técnica da Federación Europac-España (entidade que outorga este recoñecemento) e do propio Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia.

Aínda que o proceso de adhesións non está pechado e traballarase con outras empresas vinculadas ás Illas Atlánticas, as 14 primeiras en adherirse á Carta Europea de Turismo Sostible son Alvamar, Amare Turismo Náutico, Arenaria Coordinación, Babadiba Ambiental, Bahía de Aldán, Camping Islas Cies, Camping de Ons, Charter Terra Nova, Corticata, Iniciativas Tradicionales, Nordeskayak, Piragüilla, San Yago Charter e Sailway.

No acto, ademais de facerlle entrega aos responsables de cada entidade dun diploma acreditativo, tamén se lles facilitou unha placa identificativa que poderán exhibir nos seus establecementos ou embarcacións.

Unha vez obtido o certificado e implantadas as primeiras medidas, os empresarios adheridos comprométense a realizar unha serie de melloras e actividades durante os tres anos seguintes, tras o cal pasarán por unha auditoría de certificación.

Cómpre lembrar que o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia recibiu a finais de 2015 a CETS en recoñecemento ao seu compromiso activo co desenvolvemento dunha actividade turística de calidade. Logo dunha primeira fase, marcada pola adhesión do propio espazo natural a este proxecto europeo, a acreditación outorgada ás primeiras empresas que desenvolven a súa actividade no Parque Nacional enmárcase no proceso de implantación dunha segunda fase iniciada en 2017.

Máis de 150 espazos adheridos en 19 países
Nestes momento, en toda Europa hai 158 espazos naturais protexidos que teñen esta acreditación en 19 países. De todos eles, 44 atópanse en España. As 14 empresas galegas que recibiron a certificación oficial da CETS súmanse á rede española de entidades que xa contan con este recoñecemento, integrada por máis de 400 empresas en todo o país.

A Federación Europac, integrada por 430 membros de 35 países, é a encargada de seleccionar e outorgar esta Carta, que se basea no compromiso e acordo voluntario entre os actores implicados no desenvolvemento turístico dun espazo natural protexido co fin de levar á práctica unha estratexia e un plan de acción local a favor do turismo sostible en cooperación entre a administración xestora do espazo e as empresas que operan nel.

Inicia sesión para enviar comentarios

transporte

navidad 2019

mar

celta

patrimonio de la humanidad

  • Últimas noticias

  • Más leído

Agenda

Sin eventos