22072019Lun
Última edición: Dom, 21 Jul 2019 2pm

As Illas Atlánticas optan ao listado de humidais internacionais

A Xunta completa os trámites ante o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (Mapama) para solicitar que as Illas Atlánticas se incorporen ao listado de humidais de importancia internacional

03 Febrero 2018 por
Valora este artículo
(0 votos)
Illas Cíes. Illas Cíes.

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de tramitar ante o Goberno do Estado a inclusión do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia no listado de humidais de importancia internacional.

Así o anunciou este sábado a directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, durante a inauguración dunha xornada en Sada para celebrar o Día Mundial dos Humidais na Reserva da Biosfera Mariñas coruñesas e Terras do Mandeo.

O evento, de carácter divulgativo e organizado polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (Ceida), congregou a preto de medio centenar de estudantes e profesionais interesados nos valores eco-sistémicos dos humidais en xeral e, particularmente, dos que existen na comunidade.

Na súa intervención, Ana María Díaz explicou que a Xunta xa completou os trámites ante o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (Mapama) para solicitar que as Illas Atlánticas se incorporen ao listado de humidais de importancia internacional. O seguinte paso será que o Consello de Ministros dite o acordo de inclusión no Convenio Ramsar polo que, engadiu, a comunidade contará en breve cun sexto humidal protexido.

Galicia ten nestes momentos cinco espazos declarados como humidais de importancia internacional, que suman en total 7.698 hectáreas: a ría de Ribadeo, a ría de Ortigueira-Ladrido, a lagoa e areal de Valdoviño, o complexo das praias, lagoa e duna de Corrubedo e o complexo intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira.

En todo caso, en Galicia hai identificados máis de 1.000 humidais repartidos de forma maioritaria entre os sectores litorais, as depresións sedimentarias interiores e as áreas de montaña sublitorais e centrais. Por provincias, Lugo sitúase á cabeza ao concentrar o 30% de todos os humidais inventariados na comunidade e o 60,6% da superficie que ocupan. Detrás dela está a provincia de A Coruña, cunha porcentaxe de zonas húmidas moi similar (o 29,7%) pero cunha extensión moito menor, que representa o 46,8% do total. Pontevedra e Ourense albergan un menor número destes ecosistemas, con 236 humidais e 8.088,7 hectáreas e 218 e 9.663,6 hectáreas, respectivamente.

Convenio Ramsar desde 1971
O Día Mundial dos Humidais celébrase cada 2 de febreiro desde o ano 1971, conmemorando a data de sinatura do Convenio sobre os Humidais na cidade iraniana de Ramsar para crear conciencia en todo o mundo dos valores que achegan este tipo de ecosistemas para o planeta. Así, os humidais son espazos de capital importancia, non só porque escaseen e estean ameazados senón porque realizan funcións básicas e fundamentais: proporcionan recursos, son soporte de actividades humanas e constitúen un valioso patrimonio cultural e natural.

O lema escollido en 2018 foi Humidais para un futuro urbano sustentable, seleccionado co fin de poñer de relevo a importancia de preservar nun estado saudable os humidais situados en contornas urbanas, onde achegan importantes beneficios aos seus habitantes. Neste sentido, a directora xeral de Patrimonio Natural subliñou a gran importancia destes espazos e o compromiso da Xunta coa súa conservación.

Outros actos conmemorativos
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio organizou esta semana varias actividades lúdicas e didácticas con motivo do Día Mundial dos Humidais, efeméride que se celebra en Galicia desde 1997 para sensibilizar á sociedade sobre os valores destes espazos e os seus beneficios para a natureza.

Os actos principais organizados polo departamento autónomico consistiron nunha visita para escolares á aula da natureza de Siradella, no complexo intermareal Umia-O Grove, que incluíu xogos didácticos, unha charla informativa sobre os humidais e un avistamento de aves, e a inauguración dunha pequena mostra fotográfica sobre aves no Centro de Interpretación dos Ecosistemas do Litoral de Galicia (Cielga), ubicado dentro do complexo húmido de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán.

Deja un comentario

Asegúrate de llenar la información requerida marcada con (*). No está permitido el código HTML. Tu dirección de correo NO será publicada.

vigo en festas 2019

vigo

  • Últimas noticias

  • Más leído

Agenda

Sin eventos