21082017Lun
Última edición: Jue, 17 Ago 2017 6am

O campo de traballo máis antigo de Europa está nas Cíes

Un total de 30 mozos e mozas de distintas nacionalidades están a realizar labores de mantemento da illa, de información e sensibilización do visitante e vixilancia de incendios dentro das actividades que organiza a Consellería de Política Social

10 Agosto 2017 por
Valora este artículo
(1 Voto)
O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, comprobou esta mañá as actividades formativas que están a realizar os mozos e mozas que participan no campo de traballo das Illas Cíes, organizado pola Consellería de Política Social no concello de Vigo.  / Foto: Xunta O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, comprobou esta mañá as actividades formativas que están a realizar os mozos e mozas que participan no campo de traballo das Illas Cíes, organizado pola Consellería de Política Social no concello de Vigo. / Foto: Xunta

 

Desde o pasado día 2 de agosto un total de 30 mozos e mozas de distintas nacionalidades están a realizar labores de mantemento da illa, de información e sensibilización do visitante, de vixilancia de incendios e intervencións puntuais de mellora no parque, en colaboración co persoal do servizo de medioambiente. Precisamente, unha das actividades nas que están inmersos é na erradicación de plantas invasoras que ameazan a biodiversidade neste enclave, como é o caso da acacia. 

Na visita deste xoves ás Cíes, o representante do Goberno galego en Vigo, Ignacio López Chaves, acompañado pola xefa territorial de Política Social en Pontevedra, Marta Iglesias, e o director do Parque Nacional das Illas Atlánticas, José Antonio Fernández Bouzas, salientou a importancia deste campo de traballo que, con 43 anos de vida, é o máis antigo dos que se realizan en Europa.

A campaña galega de verán dirixida á mocidade é a máis importante de toda España cunha oferta superior ás 9.500 prazas en campos de traballo, campamentos, albergues e actividades para xente nova con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos.

En concreto, o campo de traballo das Illas Cíes conta con 30 rapaces e rapazas de diferentes lugares de España e doutros países, centrándose a súa temática no ámbito medioambiental. Atendendo a súa orixe, 10 son galegos, 11 doutras comunidades autónomas (Valencia, Murcia, Aragón, A Rioxa, Estremadura, Cantabria, Canarias e País Vasco) e 7 estranxeiros (Italia, Rusia e Francia).

Durante o seu encontro cos voluntarios, o delegado da Xunta en Vigo destacou a importancia destas iniciativas coas que se promoven valores como o traballo en equipo, a convivencia e o respecto, así como a implicación da xuventude na sociedade.

A maiores, nestes intres estanse tamén a desenvolver outros dous campos de traballo na provincia de Pontevedra. O de Vilanova de Arousa, que ten como actividade principal a limpeza da senda da costa do Terrón-Patiñas, de gran valor ecolóxico e turístico que transcorre pola zona norte deste municipio; e o do concello de Cerdedo-Cotobade. Este último, baixo a epígrafe de “Un rural de cine”, centra a súa temática no ámbito audiovisual e social.  

28 campos de traballo en toda Galicia
Este verán, os mozos e mozas galegos puideron escoller entre participar nos 28 campos de traballo que se organizan nas catro provincias galegas ou ben elixir entre as prazas que se ofertan en campos no estranxeiro e noutras Comunidades Autónomas.

Esta actividade  enmárcase dentro da Campaña de Verán 2017 que organiza a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado baixo a lenda “O teu verán colle nunha mochila”. Esta campaña é a máis inclusiva e importante dos últimos anos no que se refire a número de prazas ofertadas. En total, son 9.572 as prazas que se ofrecen, o que significa incrementar nun 6% as prazas dispoñibles no ano pasado.

Ademais destes campos, a campaña de verán inclúe albergues, campamentos e actividades de ocio e tempo libre para a mocidade. A Consellería de Política Social destina un orzamento de 2,9 millóns de euros a esta campaña.

Cómpre destacar que, outro dos aspectos positivos da campaña está no impulso ao emprego que leva aparellada. Grazas ao desenvolvemento destas actividades, as empresas de ocio e tempo libre de Galicia darán traballo a máis de 900 monitores/as e directores/as de campamentos.

Estes números consolidan a Galicia como a Comunidade Autónoma que máis prazas en campamentos de verán oferta para a mocidade. Deste xeito, “estamos a blindar a posibilidade de que a xuventude empregue o seu tempo libre nos meses de xullo e agosto participando en actividades de educación non formal de moi diversa índole: cultural, medioambiental, deportivo, de voluntariado, etc., que lles servirán para divertirse e tamén para o seu enriquecemento persoal e vital”, concluíu o delegado territorial.

Escribir un comentario


Código de seguridad
Refescar

entroido de verán

bágoas de san lourenzo

tráfico de drogas

  • Últimas noticias

  • Más leído

Agenda

Sin eventos