Os feitos ocorreron o pasado día 7 de decembro, cando axentes da Policía Autonómica con sede en Vigo, en colaboración coa Policía Nacional e persoal do Museo do Mar da localidade, tiveron coñecemento de que se estaba movendo mercadoría por parte dunha embarcación que se atopaba na parte posterior do museo.
Ante a chegada da Policía Autonómica ao lugar, os tripulantes dunha embarcación abandonaron o peirao apresuradamente, polo que os axentes procederon a realizar unha inspección pola zona. O que localizaron foi unha rede de grandes dimensións na que había 589 centolos, cun peso aproximado de 292 quilos.
Tras realizar unha investigación, a Policía Autonómica logrou identificar aos propietarios da embarcación e levantou unha acta administrativa por unha infracción da Lei de Pesca de Galicia.
Dos centolos intervidos, 514 foron devoltos ao mar e 75 foron doados a dous centros benéficos.



















