A cooperativa xurdiu fai quince anos coma un proxecto socio-económico que garante o acceso a produtos ecolóxicos, locais e de comercio xusto, é dicir, produtos obtidos preferentemente na nosa contorna, libres de transxénicos e agrotóxicos, e cunha relación calidade-prezo equitativa para as/os produtoras/es e para nós. «Foron 15 anos de aposta por unha economía social, ecolóxica e solidaria. Foi unha aposta arriscada nun inicio, pero hoxe en día consolidamos un proxecto viable e imprescindible para unha sociedade máis xusta», sinala o colectivo nun comunicado de prensa no que lembra que ademais organiza e difunde actividades de todo tipo orientadas á concienciación dun consumo responsable, o coidado do medio ambiente e outro modelo de economía.
Este festexo está aberto aos socios e socias pero tamén a todas as personas que queiran sumarse ao XV aniversario desta cooperativa, a primeira de consumo consciente e comercio xusto de Galicia, sendo pioneiros neste campo e referente e apoio para novos proxectos semellantes como Panxea, A Xoaniña, Zocamiñoca… A maiores, o colectivo impulsa o movemento asociativo cooperativo, formando parte da Federación de Cooperativas de Galica Sinerxia e acumula varios recoñecementos pola súa labor, entre os que destaca o premio pola promoción do cooperativismo da man do Consello Galego de Cooperativas (2004).
Este 1 de outubro ao longo de todo o día, celebraranse charlas, obradoiros, concertos, exposicións e proxeccións no local da cooperativa (López Mora,30-Vigo). Nun principio, a intención era celebrar o acto na Praza da Independencia pero por falta de tempo «e a falta de colaboración do Concello de Vigo» finalmente farase no local da entidade. Ademais da celebración, remarca o colectivo, ao longo deste ano 2016 «seguiremos tendo unha programación de diversas actividades (charlas, proxeccións, exposicións…etc) enmarcadas neste aniversario.