A inscrición leva asociada a aceptación do regulamento da andaina e asumir o custe do desprazamento en autobús urbano dende a Praza do Rei ata o lugar de saída e a correspondente volta, podéndose empregar para elo a tarxeta Pass Vigo. No caso de quen acuda ao Percorrido Curto no Monte dos Pozos, non terá custe.
Os percorridos previstos están pensados para que calquera participante poida gozar dun día nos montes de Vigo, realizando aquel trazado que mellor se acomode as súas circunstancias.
Aquelas persoas habituadas a camiñar poden realizar o Percorrido Medio 2 (22,4 quilómetros) ou o Percorrido Medio 1 (31,7 quilómetros). Quen estea en condicións e se queira marcar un reto, é posible despois de xantar engadirlle ao percorrido Medio 1 a ruta curta, realizando o Percorrido Completo (39 quilómetros). O Percorrido Curto é para quen queiran realizar unha ruta sinxela (7,3 quilómetros) e vistosa, con algo de subida e baixada.
Por último, a Pequerruta e a Ruta Adaptada están previstas para realizarse polo entorno do Monte dos Pozos, cunha lonxitude de dous quilómetros. Están pensadas para familias con rapaces pequenos ou persoas con mobilidade reducida que queiran gozar dunha vista panorámica e singular de Vigo .
Comida e material
A organización da actividade entregará unha camiseta conmemorativa do evento e un kit con material de abastecemento e promocional cortesía de Eroski-Center e de Coca Cola. Tamén ao longo do percorrido, poderase completar o abastecemento con bebida e alimentos enerxéticos facilitados polos patrocinadores.
No momento de finalización da andaina proporcionarase unha ración de empanada e froita, sendo preciso levar a comida por parte dos participantes. A cafetería-restaurante de Monte dos Pozos tamén estará dispoñible para quen o desexe. A intención é que aqueles participantes que o desexen gocen do Parque Forestal de Monte dos Pozos durante a tarde.
Para quen acuda directamente no Parque Forestal de Monte dos Pozos no caso de Percorrido curto ou de Pequerruta, unha vez feito o control de asistencia e entregadas a camiseta e o kit de abastecemento, procederase a unirse co grupo procedente de Praza do Rei.
Está previsto pechar a actividade e facer a comida no Parque forestal de Monte dos Pozos, agás os que fagan todo o percorrido, que continuarán pola tarde. A partir das 16:00 horas, estarán dispoñibles as lanzadeiras que volverán á Praza do Rei, habendo dúas saídas máis as 17:30 e as 19:00 horas.