O alcalde informou este luns dalgúns asuntos aprobados polo goberno que preside, entre os que destacou o proxecto de sensibilización ambiental ‘Camiño a Camiño’ e a súa programación para outono.
Cun orzamento lixeiramente superior aos 25.000 euros, o Concello prevé celebrar en outubro e novembro oito saídas pola cidade e a súa área metropolitana, cunha participación que estará entre as 2.000 e 2.500 persoas. Citou Caballero que os percorridos polo término municipal de Vigo servirán para coñecer o hábitat da cidade, nas súas dimensións de flora e fauna e de conformación do ecosistema. Ademais, engadiu, o Concello programa rutas pola área viguesa para coñecer a contorna na que se desenvolve o proceso produtivo da sidra e do viño, con saídas á Estrada, o Rosal e á comarca do Ribeiro.