Abel Caballero explicou que a unión de empresas que construíu a nova depuradora é a encargada da súa posta en marcha por un período de transición dun ano e, pasado ese prazo, terá lugar a recepción da obra, entrega e explotación por parte do Concello, titular da infraestrutura.
O rexedor vigués recordou que a nova depuradora do Lagares foi sufragada por fondos europeos achegados polo Goberno de España, segundo o convenio rubricado coa entón ministra de Medioambiente, Elena Espinosa. O Concello achegou o valor dos terreos mentres que a Xunta de Galicia, a «terceira pata» do acordo asinado, «vai cobrar aos usuarios de Vigo a parte que proporciona, polo que non pon nin un euro a fondo perdido». Engadiu Caballero que o goberno autonómico cobra por enriba dos cinco millóns anuais en taxas ao saneamento.
«Entra en funcionamento a nova depuradora, que era unha gran demanda medioambiental da cidade», asegurou Caballero, quen se mostrou «satisfeito» pola posta en marcha: «cremos que é un momento moi importante para o medioambiente da cidade, moi importante para a ría e moi importante para as Illas Cíes, porque eliminamos un factor negativo que era a vella depuradora, claramente insuficiente, e poñemos en funcionamento unha das máis importantes depuradoras de Europa».



















