O Goberno galego considera ademais que esta medida sería, en todo caso, insuficiente en caso de seca e para garantir o abastecemento a medio e longo prazo na comarca de Vigo.
Fronte a isto, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda lembra a postura do Executivo autonómico favorable a que as actuacións necesarias para garantir o abastecemento a medio e longo prazo en Vigo sexan declaradas obras de interese xeral do Estado.
Esa demanda baséase no feito de que o sistema de abastecemento da área de Vigo necesita solucións “de maior calado” que a que supón a modificación dos caudais ecolóxicos. Esas medidas deben planificarse coa anticipación suficiente e dotarse de garantías de financiamento para evitar que se produza un risco reiterado de desabastecemento no contexto do cambio climático.
Con todo, a Xunta incide na “clamorosa necesidade de actuar na potabilizadora municipal tras evidenciarse durante o episodio de seca do ano pasado que esa instalación é incapaz de tratar a auga para o consumo cando o encoro de Eiras baixa do 40% da capacidade”.