A sinatura deste convenio permitirá realizar un estudo técnico das diferentes alternativas e determinar a proposta máis adecuada de mellora da regulación e almacenamento de auga para solucionar os problemas que presenta o sistema de abastecemento de auga desde os encoros de Eiras e de Zamáns.
O convenio prevé que, a partir das conclusións obtidas neste estudo, se realice o correspondente estudo de impacto ambiental da opción definida como a máis axeitada.
A Xunta e as outras dúas administracións cofinanciarán a partes iguais os 200.000 euros en que se estima o custo do estudo.
Os concellos incluídos nesta área, Vigo, Redondela, Soutomaior, O Porriño, Mos, Salceda, Moaña, Cangas, Baiona, Nigrán e Gondomar, abastécense de recursos hídricos tanto da bacía Galicia-Costa (encoro de Eiras e encoro de Zamáns) como da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, o que xustifica unha actuación conxunta das tres administracións públicas.
Desde hai anos, no sistema de abastecemento para Vigo e parte da zona Sur da provincia de Pontevedra constátanse dificultades para cubrir as demandas de auga actuais e futuras. A dita debilidade actualmente vese agravada polos períodos de escaseza de choivas.
O último episodio de seca, rexistrado en 2017, confirmou a necesidade de acometer medidas estruturais para garantir a cobertura da demanda actual e futura de auga tanto en calidade como en cantidade en Vigo e nos concellos abastecidos polos encoros de Eiras e Zamáns, especialmente tendo en conta o escenario de cambio climático.
Mentres se avanza na solución a longo prazo, cómpre que a concesionaria municipal do sistema de abastecemento de Vigo acometa con urxencia unha mellora na potabilizadora para que se poida aproveitar un 20% da auga encorada.
A finais de 2017 Vigo afrontou un risco severo de desabastecemento a pesar de que o encoro de Eiras estaba case ao 40%, xa que a potabilizadora non podía garantir a calidade desa auga.
Coa aprobación do convenio polo Consello, a Xunta está en disposición de asinalo en canto dispoñan as outras dúas administracións, co obxectivo de iniciar os traballos canto antes.