Así o manifestou este mércores no Pleno do Parlamento de Galicia, onde indicou que o Plan Reitor de Usos e Xestión do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas serña presentado aos colectivos o vindeiro mes de outubro.
A Consellería de Medio Ambiente traballa na redacción deste documento que se debaterá con todos os colectivos implicados para acadar o maior consenso posible e poder aprobalo en 2018. Neste plan, unha das cuestións que se valorará e o cupo de visitantes ao parque, que se estudará en función da capacidade de carga deste espazo protexido e no que se regulará o sistema de cupos en todos os arquipélagos do parque nacional, segundo informou a Xunta nun comunicado.
A conselleira indicou que se tomaron distintas medidas para o control do cupo de visitantes permitido, como o Código QR nos billetes ou as melloras nas plataforma informática da central de reservas e tamén os conteos manuais e aleatorios. Defendeu que a Consellería “fixo o que estaba da súa man, actuou con responsabilidade, advertiu do que ía acontecer, pero non escoitaron e obrou en consecuencia” e engadiu que permitir que o pasado 20 de agosto se permitise o desembarco de máis de 2.000 persoas sobre o cupo sería unha verdadeira responsabilidade.
Indicou que a Xunta tomou a decisión de incrementar a vixilancia e o conteo diario neste verán, que se traduciu na apertura de 10 expedientes, cuxa proposta de resolución estará ao longo deste mesmo mes, e que o 20 de agosto prohibiu o desembarco de 8 barcos das navieiras que ofrecen este servizo de transporte, despois de ser advertidas reiteradamente. Argumentou que quedou acreditado que a Xunta realiza os controis pertinentes e que esas medidas foron as que permitiron detectar e atallar as prácticas irregulares.
A conselleira recordou que a Xunta non pode prohibir a saída dun barco dun peirao, xa que a competencia está estritamente na entrada á illa; polo que a Administración galega non é responsable do engano das navieiras aos visitantes e lamentou a estafa á que foron sometidos os turistas e as molestias que estas xeraron coa venda irregular de billetes.