A finalidade da campaña é iniciar ás nenas e nenos na responsabilidade do coidado e da limpeza da cidade dunha forma divertida e didáctica. Tamén se procura que os rapaces se conciencien cada vez máis da importancia da correcta separación dos distintos residuos e materiais para a conservación e protección do medio ambiente.
A campaña conta cunha unidade móbil, con Dinoseto e Dinosetiño como protagonistas. Dinoseto está representado fisicamente por unha mascota vivinte desta famosa personaxe e acompañado por Dinosetiño, un boneco articulado con voz que explicarán aos máis pequenos as principais claves da reciclaxe e a limpeza. As dúas mascotas acoden aos centros escolares a bordo dunha unidade móbil que se converte en escenario e no que realizan unha representación teatral na que interactúan cos máis pequenos para que aprendan a importancia da tripla R: Reducir residuos, Reutilizar envases e Reciclar o lixo.
Nesta obra de teatro Dinoseto e Dinosetiño amosan aos rapaces de segundo, terceiro e cuarto de primaria como se fai unha boa separación e así poder ter unha cidade fermosa e impa. Para isto, hai unha mesa de comedor con diferentes elementos que teñen que separar e enviar ao colector correspondente (azul, verde, amarelo ou orgánico). Ademais, como novidade, hai presenza de colectores para a reciclaxe de roupa e tamén para a reciclaxe de aceite usado. Os dous dinosauros falan entre si e cos nenos para reciclar correctamente.
Na campaña anterior, Dinoseto e Dinosetiño tamén ensinaban aos nenos a ritmo de rap como separar e reciclar para manter limpa a cidade. Este ano, presentan unha nova canción para sorprender aos máis pequenos que se proxecta na unidade móbil en formato de vídeo clip. Nela, o popular dinosauro vigués aparece xunto a un grupo de rapaces bailando en diferentes puntos da cidade como Samil, O Calvario ou, por suposto, a Porta do Sol.