A secretaria territorial da Xunta en Vigo, Yolanda Lesmes, visitou o expositor informativo instalado na intersección entre a rúa Príncipe e Urzáiz, onde sinalou que o obxectivo primordial desta iniciativa é informar aos cidadáns de cómo poden contribuír ao aforro de auga no seu día a día. O expositor informativo proporcionará consellos para o aforro de auga e distribuiranse redutores de caudal.
Neste sentido, destácanse pequenas accións tan sinxelas como revisar que as billas pechen ben, lavar os dentes ou fregar a louza coa billa pechada, pechar a chave de paso en períodos como o verán, no que se deixan de usar as vivendas habituais; ou instalar nos billas dispositivos de aforro de auga.
Con esta iniciativa a Xunta de Galicia pretende concienciar á cidadanía da importancia de non desperdiciar a auga, xa que ademais de traducirse nun aforro importante de cartos para familias; garante a dispoñibilidade de auga a medio prazo, e é vital para a preservación dos hábitats e ecosistemas fluviais.
A campaña divulgativa con información na rúa insírese nunha acción de Goberno encamiñada a acadar un aforro deste recurso natural. A campaña destaca ademais, en contra do que se poida pensar, a idea de que en Galicia non sobra a auga, polo que é importante que cidadáns e administracións asimilen esta realidade e compartan a preocupación.
O Concello tamén pide uso responsable
Esta mesma semana tamén o alcalde de Vigo, Abel Caballero, fixo un chamamento ao consumo responsable da auga.
Así, o rexedor deu conta do estado das dúas présas de Vigo, Zamáns e Eiras, que se atopan ao 90% da súa capacidade, que é o nivel máximo ao que se lle permite chegar durante o inverno por razóns de eventuais riadas que impiden que chegue ao cento por cento. Con todo, apelou ao consumo responsable da cidadanía viguesa para que «non deixe de facelo coa tranquilidade de que a présa, sobre todo a de Eiras, está nunha conca hidrográfica moi xenerosa».
O alcalde lamentou a «situación tremenda que se está vivindo en tanto sitios de Galicia» por mor da vaga de lumes que afecta a varios concellos galegos e reiterou o ofrecemento dos servizos dos bombeiros municipais que «teñen instrución de saír á primeira notificación a calquera lugar do que os chamen e para o cometido que os chamen».