A Xunta emitiu este luns un comunicado no que sinala que a Dirección Xeral do Parque Nacional Illas Atlánticas detectou durante este mes de agosto incidencias na emisión de entradas durante tres días (3, 5 e 19 de agosto). «Tras esas xornadas, apercibiuse ás empresas que fan as diferentes rutas por barco das irregularidades detectadas e abríronse os expedientes sancionadores», apunta.
O pasado día 19 ante a reiteración de exceso de cupo irregular por parte das compañías, a Dirección do Parque Nacional Illas Atlánticas comunicou ás compañías autorizadas de que non se permitiria a entrada ao parque unha vez superado o número de acceso diario.
«Hai que destacar que desde o pasado ano, implementouse no parque nacional o código HQR nas entradas que indica as que realmente están autorizadas e as que non o están. De aí que desde os controis do parque se puidese constatar que eses días se tivo infrinxido o límite de acceso ás illas», sinala a Consellería de Medio Ambiente.
Desde o departamento de Patrimonio Natural destácase que a actitude dalgunhas empresas navieiras constitúe «un risco inasumible para os visitantes e para os valores ambientais dun lugar emblemático como é o Parque Nacional Illas Atlánticas. De aí que entenda que a decisión adoptada pola Xunta en colaboración coas forzas de seguridade de non permitir infrinxir as normas establecidas deba ser compartida por todas as administracións, dado que só así se poderá preservar unha das maiores riquezas naturais que ten a nosa comunidade».
Dende a Xunta lémbrase que «se está a dar un pulo o turismo de natureza sustentable a través do seu Plan de Promoción e Posta en Valor do Patrimonio Natural, cunha oferta turística regulada que debe ser compatible coa protección e conservación dos espazos e, sobre todo, coa seguridade das persoas».
«Actuacións irresponsables por parte das navieras non deben empañar unha xestión e un traballo exemplar do persoal do Parque Nacional Illas Atlánticas, que traballan a diario por presevar esta xoia natural», engade a Xunta.
Froito desa xestión é o recoñecemento a nivel internacional deste parque como un lugar emblemático, que conta con distinciones como o certificado Starlight, a Carta Europea de Turismo Sostible, e o seu máis recente galardón: o certificado Observer de Turismo Científico. A praia de Rodas, con bandeira azul, é sinalada como a mellor praia do mundo polos especialistas, e por iso, dende xaneiro o Parque Nacional das Illas Atlánticas conta co certificado Quality Coast que o sitúa no Top 100 mundial de “Lugares de Turismo Costero Sostenibles”.