Despois da aprobación maioritaria dos seus traballadores e traballadoras a pasada semana, este luns deu comezo o primeiro dos tres días de folga cos que se pretenden denunciar os recortes de persoal aos que a Consellaría ten sometido este centro nos últimos anos.
En concreto, para este curso académico a dirección do centro reclamaba tres novas vacantes e, segundo denuncian os convocantes do paro, a Consellería “non só non concedeu ningunha senón que eliminou outras tres, adxudicando só 34 interinidades, das 40 que a dirección e o equipo docente consideraban necesarias”.
A CIG sinala que esta “política de recortes” levou a que desde 2014 o cadro de persoal da ESAD se vira reducido nun 20% cando, despois dos peores anos da crise económica, se recuperou o número de alumnado matriculado nos primeiros cursos.
Esixen a dimisión do inspector
Ademais, o sindicato denuncia que o responsable da toma destas decisións foi o inspector de Educación, do que perciben “unha actitude totalmente hostil e arbitraria na súas funcións con respecto á ESAD”.
Este inspector, segundo sinalan, “intentou cambiar o perfil das prazas solicitadas e informou negativamente sobre a concesión das vacantes, presionando a dirección do centro e co menoscabo da autoridade do profesorado”.
A CIG tamén lamenta que o xefe territorial da Consellería de Educación e a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos negáranse a mediar no conflito, o que provocou que finalmente se consumase o recorte de persoal docente para o presente curso escolar.
Os manifestantes aproveitaron a concentración deste luns para pedir a dimisión do inspector de zona e para demandar da Consellería a cobertura inmediata das prazas necesarias para o arranque do curso no centro, apelando directamente á responsabilidade do conselleiro de Educación.
Se non existe ningunha resposta por parte da administración, están previstas concentracións para o martes e mércores fronte ao edificio da Xefatura Territorial da Consellaría de Educación en Pontevedra ás 11.00 horas. Ademais, o sindicato estudará co persoal da ESAD outras accións a emprender ata ver atendidas as súas demandas.